Rosalía

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

21 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi ela quen, desde a distancia, me axudou a entender o que somos; e cada vez que o penso sorrío, pois foron os seus versos os que me devolveron a Galicia. A súa Lúa Descolorida, musicada polo compositor ruso-arxentino Osvaldo Golijov, foi o meu talismán no principio da miña carreira profesional nos Estados Unidos, e grazas a ela cheguei a traballar co violoncellista e humanista que me cambiou a vida, o meu mentor Yo-Yo Ma.

Rosalía de Castro está en todos os que acotío utilizamos os seus versos sen sabelo, pois xa forman parte da nosa fala. Está nos que nos emocionamos cando descubrimos un significado novo, cando tocamos a súa Negra Sombra ou cando tentamos sentir as cousas do mesmo xeito que as sentiu ela, pois ela nos deixou a emoción da súa voz a través da poesía.

Rosalía de Castro está de aniversario o luns, e eu, para celebralo, tiña pensado mirar ao ceo pola noite para atopar a súa estrela. Pois aínda que a súa estrela leva guiándonos moito tempo, este pasado ano, grazas á iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Rosalía é tamén a estrela HD 149143.

A Casa de Rosalía anímanos a celebrala cun «caldo de groria» ou simplemente compartindo como os seus versos forman parte das nosas vidas. Así que eu lereina de novo, atoparei de novo a súa maxia nun verso diferente e escoitarei emocionada a Dawn Upshaw cantar a Lúa Descolorida que me cambiou a vida...

E desde aquí, «trocando en sonrisas queixiñas e choros», tentarei lembrar que «en cada rincón me aguardaba la esperanza sonriendo»… Rosalía: grazas por tanto.