Desculparás, querido Toni, que demorase semanas estas letras. E desculparás, tamén, que saque de Verín o teu nome e inmenso valor. Vai hoxe esta columna porque en Monterrei arranca o entroido e ti, por primeira vez, non estás. Por primeira vez non veremos o teu capuchón con casco e, sobre el, a pluma de pavo real oscilante. Podería falar do excepcional que eras cada entroido, pero xa falei tanto do asunto que non teño nada que engadir, para qué, simplemente insisto: unha verdade, carnaval, neste mundo de mentira. Por iso quero escribir das cousas que importan: o incontable. Eras unha boa persoa. Un Señor do que ninguén, nunca, falou mal. Circunstancia estraña neste tempo de rancor e vinagres e tóxicos. Paseabas só, acompañado das túas novelas. Andabas en bicicleta, con motor nos últimos meses. Sabías falar de todo e, con exquisita educación, convertías as horas en minutos. Ao saír da misa, adoitábamos comentar a xornada. En Verín sempre hai algo que meditar: as meigas que bican as pedras do castelo, o rumor do Támega, as casas encantadas da rúa Maior (espazo do teu comercio), as pequenas controversias e ningunha trama transcendente. Todo provinciano. Doce, amable, feliz. Pero non quero poñerme melancólico. Só propoñerte como paradigma: humilde, anónimo e afable. Os grandes homes non están nas rimbombantes palabras nin nas escenificacións gloriosas. Non residen nos púlpitos millonarios nin no ouropel. No artificio ou nas latas do ostentoso. Os imprescindibles son os que, cando marchan, prolongan a súa humanidade. Os que deixan un baleiro. Os que procuramos cando non están. De ti queda a memoria. Cen mil fotos da alegría. Descansa en paz, carnavalmente, Antonio Tarrío.