Dilatar a crueldade

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

20 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai nomes que, con só escoitalos, sabemos quen son. Toñi, Desi e Miriam. Yéremi (Vargas), Madeleine (McCann), Mari Luz (Cortés), Diana (Quer). Laura Luelmo, Ana Enjamio, Marta del Castillo. Non necesitan nin apelidos, só o nome fai que se nos poñan os pelos de punta. Todos titulan casos de crueldade extrema, de violencia atroz, de asasinatos ou desaparicións que provocan un dano inmenso e irreparable.

Por que dilatar esta crueldade ata os límites máis agónicos?

Sei que existe a maldade, por suposto. Pode ser pequena ou desmedida. Tamén infinita.

Pasaron máis de once anos desde que Marta del Castillo desapareceu. Semella que a tragase a terra, ou o río, ou todo xunto. O seu corpo non apareceu, por máis que se seguiron diversas hipóteses e se realizaron buscas en lugares ben diferentes.

Agora, case unha ducia de anos despois, aparecen novos indicios sobre o caso. Doce anos de amargura, de preguntas sen resposta, de intranquilidade no día a día, de vida insoportable.

Impresionoume sempre a fortaleza dese avó que cada día saía pasear co único propósito de atopar o corpo da rapaza. Os que fomos netos ou temos fillos que gozan de avós marabillosos sabemos que non hai amor coma o de entre estas dúas xeracións. Os netos son a nova ilusión na vida, quizais a última. Ese avó non paseaba para atoparse coa neta que lle provocaba o sorriso, procuraba un corpo asasinado para poder ter onde sentar ao seu carón e estar ao seu carón.

Non hai amor coma este. É espantoso alongar tanta agonía.