Morrer de amor, ou case

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

15 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando me ten nos seus brazos e me fala quediño, vexo a vida en rosa», cantou Édith Piaf, en 1946, e La vie en rose converteuse nun himno ao amor en todo o mundo, quizais porque a inmensa maioría dos mortais vimos, ou cremos ver, algunha vez a vida en rosa. Os humoristas facemos mofa do amor, aparentando unha sabedoría que non temos; pero é leria, alarde de cinismo e de enxeño para facer rir. Unha das protagonistas da película Delitos e faltas, de Woody Allen, reflexiona: «O do meu ex foi amor a primeira vista. Debinlle de botar outra ollada». Está moi ben, ten graza; pero os máis dos filósofos e estudosos do amor coinciden en que o gran amor é o do frechazo, e eu son tamén desa opinión por propia, marabillosa e inesquecible experiencia.

Chamábase Mariconchi e era a nena máis linda que vira nos meus dez anos de vida. De pel branca como a Brancaneves do conto, ollos grandes e inquedos, boca debuxadiña e fresca, falaba e ría sempre. Foi o meu primeiro grande amor. Eu xa tivera outras experiencias amorosas; xa namorara de Liz Taylor, Yvonne de Carlo, Leslie Caron, Carmen Sevilla…, pero o de Mariconchi era outra cousa.

Todo empezou a tarde do 31 de agosto do 1953, día en que Ferrol celebra a festa de San Ramón en honra do marqués de Amboaxe. No Cantón había un remuíño de xente, pero só tiven ollos para ela e ela olloume tamén, sorriume e non deixou de mirarme ata que falamos. Foi un amor a primeira vista, un frechazo que nos fendeu o corazón pola metade; e aquela noite, nos fogos de Amboaxe, eu sabía que as tracas, as bengalas e o castelo de luces que estoupaban no ceo, eran para nós.

O idilio proseguiu felizmente nos próximos días, co meu amigo Arturito e a súa amiga Tonucha de «carabinas», e se eu coñecese o texto de Romeo e Xulieta avalaría a Shakespeare cando afirma que os namorados poden camiñar sobre teas de araña, baixo a caloriña do verán. Porque eu sentía o amor dentro de min como unha acumulación de gases baixo o diafragma, que me facían levitar; e se pensaba nela no xantar, perdía o apetito; e de noite non durmía sen soñar, esperto, mil aventuras románticas con ela e eu de protagonistas. Todo, todo ao redor de min era de cor rosa.

Unha tarde veu triste e explicoume que non podiamos seguir porque o irmán pequeno -un alevín de canalla, quen sabe que sería del!- chivárase ao pai, que lle ordeara cortar de contado a nosa relación, ou non a deixaría saír de casa. Non esquecín as súas palabras de despedida:

-¡Lo siento muchísimo, porque me gustas tanto…! Tonucha e Arturito foron testemuñas daquel momento dramático.

Arturito e eu volvemos a Esteiro, o noso barrio. Sentíame o ser máis desgraciado do mundo e nin andar podía coa dor terrible que me abranguía o peito. Pero ao chegarmos a La Ibense Arturito propúxome paparmos uns xeados, e pedín un de turrón. Coa primeira lambetada a anguria mermou algo, e o mesmo coa segunda e as seguintes. O que quedaba do día funo levando como puiden, pero estou certo de que sen o xeado de La Ibense aquel día morrería de amor.