Legado xacobeo


A ninguén se lle oculta que o próximo ano, ademais de conmemorar o xubileu nas súas vertentes relixiosa e civil, vai mobilizar os activos de toda Galicia. Haberá múltiples eventos participativos que haberán de combinarse coa cultura internacional, nun momento en que Galicia ten cada vez maior presenza no mundo.

O esforzo colectivo non debe limitarse aos eventos efémeros, senón que ten que deixar un legado permanente, como xa aconteceu no pasado. Nun plausible exercicio de cooperación administrativa, a Xunta de Galicia, co compromiso explícito do presidente, leva a cabo un conxunto de operacións de rexeneración urbana nos accesos dos Camiños a Compostela, co concurso da Corporación municipal.

Na liña de deixar pouso, as entidades financeiras e empresariais non poden quedar á marxe. Velaí unha oportunidade para un edificio singular, o que proxectou Pereiro Caeiro en 1886 na praza de Cervantes, fronte á antiga casa consistorial, como sede da banca de Olimpio Pérez, cunha historia vinculada a Galicia tanto desde o punto de vista emprendedor, que estudou Xan López Facal, como na dimensión arquitectónica que tratou Eduardo Beiras no libro Palacios del dinero. A nobre fábrica é un expoñente dun momento no que a modernidade recibe o decisivo impulso da burguesía financeira.

Hai anos que o Concello compostelán promoveu o proxecto dun museo da cidade, como teñen case todas as urbes galegas. Ese museo contemplaría os precedentes remotos do locus Sci. Jacobi, a evolución da urbe entre o esplendor e o declive, de cabeza do Reino a capital da Galicia autonómica, a organización social, económica e cultural, os gremios medievais, a universidade e demais institucións civís, as comunicacións e o influxo europeo, ata o desenvolvemento contemporáneo, para concluír cunha reflexión aberta sobre o futuro dunha urbe mundializada na que o turismo, sen prexuízo da súa importancia, non pode ser un monocultivo. O fondo patrimonial podería nutrirse de coleccións diversas que hoxe non teñen garantido un futuro, e Abanca, propietaria dun considerable patrimonio no centro histórico, podería compartir o uso museístico co das exposicións e o salón de actos.

Pero o máis importante do legado xacobeo, sexa eventual ou permanente, é manter o consenso que tradicionalmente o amparou, inclusive durante os procesos electorais; do contrario, logo lamentaremos as oportunidades perdidas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Legado xacobeo