Oseu nome de pía era Xosé Ramón Fernández Oxea (Ourense, 1896-Madrid, 1988), aínda que o mundo da cultura coñecíao polo sobrenome de Ben-Cho-Shey, seudónimo co que asinaba as crónicas que en 1920 enviaba dende a guerra de África (Marrocos) ao xornal agrarista e anticaciquil La Zarpa, que pouco antes fundara en Ourense Basilio Álvarez e do que era redactor xefe Roberto Blanco Torres. Na publicidade de La Zarpa aparece Ben-Cho-Shey en grandes letras de molde coa titulación de «corresponsal de guerra».
Na Biblioteca da Deputación de Ourense está a súa memoria documental, testemuño dunha vida dedicada, case deberiamos dicir que entregada, a Galicia. Francisco López-Barxas, que o tratou moi estreitamente, sobre todo nos derradeiros anos de vida no seu domicilio de Madrid, vén de publicar un volume de textos inéditos do autor, entre eles unha pequena mostra da correspondencia persoal (Auga Editora-Deputación de Ourense). Na deputación ourensá, ademais de coleccións de revistas, libros, documentos moi variados relacionados coa Galicia do pasado século, hai non menos de cinco mil cartas que os estudosos da nosa literatura e mesmo da nosa intrahistoria contemporánea (a intrahistoria do galeguismo) non deberían ignorar.
O libro de López-Barxas ten moito de homenaxe, trinta e dous anos despois do seu pasamento. En 1977 o profesor Alonso Montero coordinara outro libro, tamén de homenaxe, Galicia no corazón (Ediciós do Castro), no que se recollían textos e testemuñas de Ben-Cho-Shey. Foi daquela que eu empecei a interesarme por un personaxe que estaba sempre detrás das cousas (de moitas cousas!), mais que apenas aparecía nas fotos. Home vencellado ás Irmandades da Fala e mesmo ao grupo Nós, antes da guerra foi activo militante do Partido Galeguista, ao que sempre se mantivo leal, e nos anos da posguerra serviu de ponte, xunto coa súa dona, Isabel Algarra, funcionaria do ministerio de Xustiza, para axudar a moitos represaliados e perseguidos pola ditadura (ás veces en prisión).
Alonso Montero confesou máis dunha vez que o seu primeiro coñecemento do galeguismo e da cultura galega foi en Madrid, en sendo estudante, na casa de Ben-Cho-Shey. Nas xuntanzas do grupo Castelao, o grupo Brais Pinto, o Club de Amigos da Unesco, no Centro Galego, nos parladoiros do café Marfil, a súa figura presidía e convocaba a mocidade arredor de Galicia. A súa obra atinxe distintos xéneros: poesía, narrativa, antropoloxía, dialectoloxía, cun libro extraordinario que segue a servir de exemplo para os investigadores, continuador do espírito do Seminario de Estudos Galegos: Santa Marta de Moreiras: monografía dunha parroquia ourensá (1925-1935). No cemiterio de San Francisco, en Ourense, pódese ler o seu epitafio, cunha coda que di: «Quedan suprimidos tódolos homenaxes post-morten. As cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan».