O risco docente

OPINIÓN

07 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A profesión de docente xa pasou por moitas etapas e, duns anos a esta parte, está a se converter nunha profesión de risco. Non hai mes en que a prensa non dea conta dunha nova agresión por parte do alumnado e, o que é máis incrible, por parte dos seus proxenitores. Hai un século, as condicións non era mellores para poñer aulas. Un meu bisavó compaxinaba o oficio de mestre co traballo das terras e coa obriga de saír cazar case todos os días para poder alimentar unha familia moi numerosa. As condicións económicas eran peores, si, pero talvez a veciñanza lle pagaba con certa veneración e, moitas veces, con achegas en especie que reafirmaban o respecto por unha profesión que tiña o seu prestixio, unha auctoritas que tamén había que gañar. Hoxe, o docente ve como o seu traballo é posto en tea de xuízo unha e outra vez por unha parte da sociedade que subscribe os discursos populistas dalgúns políticos que fomentan ese desprezo cara a un corpo que todos deberiamos estimar. Agora calquera persoa fóra do ámbito educativo pensa que pode decidir. E non me refiro ao pin parental senón a cousas tan básicas coma o currículo. Eu mesmo fun testemuña de como un pai se queixaba de que un centro público non debería poñer lecturas que supuxesen gasto para o alumnado e acompañaba unha lista de libros que se podían descargar gratis de Internet. Algo inaudito, como cando un pai se queixou diante da inspección porque o profesor de galego seica mandaba ler libros de dubidosa calidade, como Os camiños da vida, de Otero Pedrayo. Unha tolería que un meu amigo, xa con experiencia, sempre frea replicándolles aos pais insolentes que el, como profesor, tivo que pasar unha oposición, cousa que a eles non lles fixo falla para seren pais.