Impresiona moito o mausoleo que se alza na entrada do cemiterio de Pereiró, en Vigo, dedicado á memoria de Concepción Arenal, que finou nesta cidade o 4 de febreiro de 1893. Estes días conmemoramos o bicentenario do seu nacemento, o 31 de xaneiro de 1820 en Ferrol. Entre as experiencias máis sentidas da súa infancia na Habana, a pedagoga Antía Cal lembra a súa primeira escolarización no Plantel Concepción Arenal, que estaba fronte ao Capitolio, preto do Centro Galego.
Alí formáronse varias xeracións de rapaces e rapazas, fillos e netos de emigrados cunha sensibilidade especial a prol dun ensino moderno e laico. A memoria da ilustre ferrolá preside unha chea de iniciativas de ilustración e formación de xente nova (nenos e nenas), preocupada especialmente polos sectores máis desfavorecidos da sociedade.
A Galicia do século XIX produciu catro figuras femininas certamente sobranceiras, xigantescas en moitos aspectos. Ordenadas por idades: Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872); Concepción Arenal (1820-1893); Rosalía de Castro (1837-1885); e Emilia Pardo Bazán (1851-1921).
Hai outras máis, sen contar as anónimas que termaron do país e das familias en tempos ben atravesados. Mais estas catro son esteos do pensamento, a acción e a creatividade, símbolos dunha modernidade que aínda agora, en moitos aspectos, demandamos.
As tres últimas dispoñen de biografías notables: Anna Caballé para Concepción Arenal, Isabel Burdiel para Emilia Pardo Bazán…
A máis recente de Rosalía de Castro é a de Chus Lama (pendente de publicar o segundo volume).
Queda a de Juana de Vega, acaso a menos coñecida das catro, que seica está encomendada ao historiador Xosé Ramón Veiga.
En diferentes épocas as catro coincidiron na cidade da Coruña, a cidade liberal por excelencia naqueles anos, e mesmo con distinta intensidade tiveron relación entre si; a máis nomeada, a de Juana de Vega e Concepción Arenal, que desenvolveron varios proxectos xuntas.
Enrique Sáez salienta o espírito da Fundación que leva o nome da primeira, constituída un ano despois do seu falecemento, e no que se recollen as mandas testamentarias da finada a prol de dotar de recursos económicos a formación das novas xeracións (especialmente do mundo do campo, acaso o máis desasistido). A educación era xa entón o principal investimento de futuro.
Mulleres por unha Galicia diferente, máis libre, máis ilustrada, máis arrichada tamén, na medida en que o risco nace da seguranza das accións que se emprenden.
O Consello da Cultura Galega vén desenvolvendo dende hai tempo un interesantísimo Álbum de Mulleres que intenta ordenar biografías moi diversas. Estudos de xénero nas universidades, na ciencia, na empresa, nas artes, na organización social…
A realidade mudou, certamente, e máis que ten que mudar. Pero elas (as catro) fincaron coma quen finca as primeiras pedras.