Libre circulación

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

SIMON DAWSON

31 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe ás doce da noite, Europa terá un país menos. E aínda que haberá un período de transición que «facilitará» as cousas até finais de ano, a verdade é que unha se pregunta como van facer os británicos (ou como imos facer nós) cando o proceso de implementación remate e nos decatemos do que significa a longo prazo.

De hoxe nun ano, ou es británico ou es europeo; e a menos que teñas dobre nacionalidade, xa non poderás ser as dúas cousas á vez. Os británicos pasarán a ser simplemente británicos, e os 47 anos de relación coa Unión Europea quedarán borrados da súa identidade (como se fose así de sinxelo). Supoño que é o que ten que a nosa identidade cultural (e social) estea tan abertamente á disposición do poder económico.

O caso é que cando comecei a escribir esta columna, tiña máis ou menos claro cal era a miña visión do tema. Pois na miña outra vida, a de músico, paso a meirande parte do meu tempo viaxando, e son consciente dos privilexios que teño por simplemente ser europea. Na organización para a que traballo, o Silkroad Ensemble, vexo acotío as diferenzas que hai entre ter un pasaporte e ter outro. Solicitar visados para tocar en China ou nos Emiratos ou incluso no Reino Unido, pode ser un proceso infinito e non sempre frutuoso para os meus colegas coreanos, israelís, sirios e iranianos; e vir tocar a Europa cun pasaporte chinés pode levarte ao calabozo, aínda que teñas tódolos papeis en regra.

O pasaporte importa, e ás veces esquecemos que a idea de formar parte de algo que permita a libre circulación das persoas é un dereito dun valor incalculable co que non deberiamos xogar, pois corremos o risco de rematar construíndo muros para nós mesmos.