O prezo intelectual

OPINIÓN

29 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pedro Almodóvar pediulle publicamente cartos para o cine independente a Pedro Sánchez e Arturo Pérez-Reverte usou as redes para ridiculizar esa petición cunha tese que é doada de desmontar, pero que busca, coma sempre, a polémica e unha recepción populista que merca argumentos simples. Está fóra de discusión que unha boa democracia non só dá acceso ás artes, senón que promove e fomenta a creación das mesmas. Son os réximes autoritarios os que as limitan. O malo é que moita xente pensa que a cultura pertence en exclusiva ao eido do tempo libre. Talvez poderiamos vivir sen pintores, nin escritores, nin museos..., pero, sen dúbida, o país sería inmensamente máis pobre. Presumimos dos nosos xenios e pensamos que nacen espontaneamente, sen pensar que se cadra son empurrados polo seu talento, si, pero tamén pola tradición e un apoio institucional ou de mecenado. A arte é moito máis que lecer e beneficia a toda a sociedade. Poida que detrás de todo isto estea o desprestixio do traballo intelectual que non cadra para moitos coa cultura do esforzo físico e manual. Máis dunha vez eu mesmo sentín ese desprezo encuberto cando alguén definiu o meu oficio de escritor coma un pasatempo ou cando alguén me pediu un texto engadindo que, total, a min non me levaba moito facelo. Para estas ocasións sempre me defendo coa anécdota dun alcalde que lle encargou un retrato a un pintor recoñecido. Cando este llo entregou ao cabo dunha semana e lle dixo o prezo, o alcalde púxose no ceo porque lle parecían moitos cartos para un traballo que só lle levara unha semana. E foi entón cando o pintor, ofendido, lle espetou que facelo non lle levara unha semana, senón sesenta anos, que era a idade que, en realidade, tiña.