A batalla de Meirás

Manuel Monge ACOTÍO

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

21 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Comecemos polas raíces históricas. O que eu chamo a batalla de Meirás para a recuperación do pazo para o patrimonio público comeza na democracia o 13 de marzo de 1982 cando presentamos unha moción no concello da Coruña a través dos concelleiros de Esquerda Galega -Gonzalo Gonzalo Vázquez Pozo e Pura Barrio- que participaban nas eleccións municipais de 1979. Despois de sinalar que moitos cidadáns da Coruña «contribuíron á doazón dun xeito forzoso, xa que se descontaba da nómina», este era o acordo da moción: «O concello da Coruña manifesta a súa vontade de recuperación gratuíta da propiedade do Pazo de Meirás. Como a doazón foi de todo o pobo, esta Corporación toma a iniciativa de formar unha comisión cidadá pro devolución, encabezada polo concello e aberta a outras entidades representativas da cidade e que esta comisión faga as xestións necesarias diante da familia do anterior xefe do Estado para pedir formalmente a devolución gratuíta e que estude o posible destino público do Pazo de Meirás». A iniciativa da Deputación da Coruña, esa comisión cidadán converteuse en 2018 na Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que, xuntamente coa Xunta de Galicia, iniciou accións xurídicas.

Esta moción alimentaba unha serie de mobilizacións como unha caravana de coches, convocada o 24 de marzo de 1982 por asociacións de veciños, que reclama a devolución gratuíta do pazo. A moción non chega ao pleno, pero Esquerda Galega levaba novamente o tema á comisión permanente de abril de 1983, que toma este acordo: «Solicitar do Goberno do Estado e do Goberno de Galicia que inicien as xestións encamiñadas a recuperar o Pazo de Meirás para a cidade da Coruña e que unha comisión municipal manteña entrevistas co presidente do Goberno do Estado e co presidente do Goberno galego» (6 votos a favor de Esquerda Galega, PCG, PSOE e Bloque, 2 abstencións de UCD e 1 voto en conta de Coalición Democrática, na que estaba AP, despois PP).

A creación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en novembro de 2014, recupera esta reivindicación e o 19 de novembro de 2005 celebrábase a I marcha a Meirás, convocada pola CRMH, baixo o lema «Devolución». Na II marcha, celebrada o 18 de novembro de 2007, o actor e veciño de Meirás Fernando Morán lía un manifesto cun título que resumía os nosos obxectivos: «Devolver ao pobo o que é do pobo». Había que implicar o Goberno na recuperación do pazo de Meirás e por iso o 11 de xuño de 2008 enviamos un escrito a Elena Salgado, daquela ministra de Administracións Públicas, solicitando a iniciación dun expediente para a devolución do pazo de Meirás ao patrimonio público.

Pasaron 15 anos e o maior éxito é, sen dúbida algunha, a consecución da unanimidade de todas as forzas políticas na Deputación da Coruña e no Parlamento de Galicia para esixir á familia Franco a devolución do Pazo de Meirás e sen pagar un euro. Unanimidade tamén para pedir a devolución das estatuas de Abraham e Isaac.

A batalla de Meirás vai ter, seguramente, un longo recorrido pola negativa da familia Franco a devolver o Pazo de Meirás e outras propiedades, e hai que prepararse. Cómpre continuar dando a batalla no proceso xudicial, pero sigo considerando, o mesmo que en 1982, que é fundamental a información, concienciación e mobilización da cidadanía. Agora non chega con actos, marchas ou manifestacións de carácter local ou comarcal. Hai que poñer en marcha unha plataforma aberta, con carácter galego, apoiada pola Xunta, deputacións e concellos de Galiza. O día que xuntemos 20.000 persoas en Meirás avanzaremos moito, tamén no xurídico, para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público.