Desencontros sen sentido

OPINIÓN

Eduardo Parra - Europa Press

20 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A tirapuxa dialéctica entre o CGPJ e o vicepresidente Iglesias, nun Estado democrático, nunca debera ter lugar. Conforme a unha moi coñecida doutrina dos tribunais, a liberdade de expresión é un dereito fundamental que debe ser protexido. A única excepción á regra é que esa liberdade non supoña cometer un delito. Calquera que teña memoria, e a use, lembrará que non hai tanto tempo que un senador se gabou de poder manexar, pola porta de atrás, a Sala Segunda do Tribunal Supremo. Isto si que é dunha gravidade extrema; pero, nesa ocasión, nin o CGPJ, nin o Tribunal Supremo, nin ningún outro organismo que lembremos se sentiron aldraxados, nin se lles ocorreu facer pública unha nota -que estaría moi xustificada-. 

Que neste caso recente o CGPJ se reúna e emita un xuízo ben desavido (porque non é misión súa dar toques de atención a ninguén, nin menos facelo descoñecendo a doutrina xeralmente observada sobre protección da liberdade de expresión) produce, sen dúbida, desconcerto, e préstase a moitas, e tortas, interpretacións.

E máis desconcerto aínda é que se cale que foron moitos os supostos que ten habido de discrepancias, e algunhas moi graves, dos tribunais europeos. Ou non é moi grave que se nos diga que certo condenado non tivo un xuízo xusto, ou os casos de trato inhumano a etarras, ou o das euroordes mal dirixidas, entre tantos outros?

Por outra banda, nunca se deu un caso dunha advertencia semellante. Está visto que á Xustiza española segue custándolle moito saír dos lindes do dereito represor e adaptarse ao moderno dereito, garante dos dereitos humanos. É pena, porque, nese terreo, estamos máis lonxe de Europa ca nunca. E isto, se non nos movemos con moito sentidiño, si que pode que nos desprestixie a todos.