Sapos e cobras

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

19 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Para dedicarse á política hai que ter o estómago preparado para almorzar un sapo cada mañá. Tal que así respondía hai anos unha das persoas que máis tempo lle dedicou á vida pública cando lle preguntaron se lle recomendaría a un mozo elixir a política como ocupación. Tras afirmar que por suposto, porque é unha das tarefas máis nobres ás que se pode dedicar un ser humano, e tras recomendar aos mozos con vocación que procuraran previamente un bo colchón profesional ao que poder volver de ter que abandonar a política, mesmo como garantía da independencia no seu percorrido público, rematou con esa frase: quen se sinta tentado pola política que saiba que hai que ter o estómago preparado para almorzar un sapo cada día.

O sapo común é un anfibio que habita toda a península ibérica, de non moi agraciado aspecto, e que adoita aparecer e croar cando chegan as treboadas. Non é de estrañar, por tanto, que en castelán exista a expresión «tragarse un sapo» precisamente para facer referencia ás situacións de calquera índole nas que un ten que soportar un asunto desagradable de forma máis ou menos obrigada. E nos últimos tempos estamos a comprobar que os políticos teñen que ter o estómago preparado para sapos. Un bo sapo debeu ser o abrazo para formalizar a coalición con quen ata había ben pouco representaba a casta, ou quitaba o sono (segundo o abrazado). E sapos tamén notables deberon ser nomear vicepresidente ao previamente vetado, ou ceder as competencias de igualdade. Tan notables como aceptar como ministerios o que son secretarías de Estado, ou sentarse na mesma mesa do Consejo de Ministros con quen ata hai nada representaba, na AIReF, os recortes e os intereses da troica, ou defender como razoables os nomeamentos da nova fiscal xeral do Estado ou do CIS. Aínda que o maior dos sapos debeu ser o que almorzaron conxuntamente e aderezado con comiños durante o debate da investidura. Cando menos aquel ía condimentado: onte mesmo o líder de Esquerra declaraba que afirmar que a independencia é imposible é «unha puta merda», xa que «dixemos a verdade: que o procés tiña que rematar na independencia» pero que se impediu con «malleiras, cárcere, destituíndo Gobernos e pechando parlamentos». Gran sapo para quen preside o Goberno grazas ao voto de tan veraz líder.

En Galicia os sapos son de antigo considerados tóxicos e velenosos, e ingrediente fundamental das beberaxes que as bruxas preparaban para causar o goxo ou mal de sapo. E aí penduran os «sapos» nos traxes tradicionais das galegas, lembrando a importancia de protexerse contra ese mal. Mais en Galicia os sapos -non as xoias, senón os batracios- non se tragan: ou se pisan, cando un non madruga, ou se cospen pola boca, normalmente acompañados de cobras (segundo certifican Carme López e Rosario Soto no seu Dicionario de fraseoloxía, Xerais). Veñen tempos de sapos, que cando aparecen e croan anuncian treboada. Na política española asistiremos a moitos e grandes almorzos de sapos. No ecosistema galego escoitaremos discursos enrabechados, cheos de sapos e cobras. Tiña razón aquel veterano servidor público: a política é unha das actividades máis nobres ás que se pode dedicar un ser humano, mais convén aproximarse a ela co estómago preparado.