Australia non está tan lonxe

Isabel Calvete FIRMA INVITADA

OPINIÓN

ABC TV

Seica o vemos na televisión todos estes días e dende fai meses estamos a pensar que iso está moi lonxe e aquí non vai pasar nada semellante. Imos facer un pouquiño de memoria, soamente ata o 2017. Lembrádesvos dos mortos dos incendios de Portugal? Dos miles de hectáreas arrasadas polos lumes no pais veciño? Lembrádesvos do cheiro a fume? Lembrádesvos de todas as voces que dixeron que iso non ía a pasar en Galicia? E pasou. Non había ningún motivo polo que non puidera pasar. De onde sae esa soberbia que nos fai pensar que estamos a salvo? Que calquera aldea do rural está a salvo? Acaso estamos facendo o posible para que aquilo non se repita ou seguimos refuxiándonos na estúpida idea de que isto a nós non nos pasa. Non temos memoria. Galicia ten aproximadamente 2,95 millóns de hectáreas... En Australia levan máis de 10 millóns arrasadas polos lumes e non parece que vaia a parar axiña. As cantidades marean. Pensade que cada vez chove menos, neva menos, o verán chega ata outubro ou máis, os incendios son cada vez máis grandes e perigosos. Imos facer algo ou seguimos esperando a que o fagan por nós? Pero, esperade un momentiño: quen o vai facer por nós? A Administración, sexa cal sexa? Pero é que estamos a falar dos nosos montes, das nosas fincas, dos camiños que sempre utilizamos e que agora ninguén limpa. Estamos a falar desa manía que temos de plantar os pinos ata a cortiña da porta por iso de que algo darán. Estamos a falar de tirar os plásticos dos silos no medio do monte onde ninguén os vexa (si que se ven) ou o lado da casa, ou a neveira vella polo barranco do rego. Hai un vídeo que circula por Internet e se titula Quitáronnos o verde pero non a ilusión. E moi bo para os que non teñen memoria. Nalgún momento imos ter que poñernos as pilas, xa non hai tempo que perder. Ou seguimos esperando e así, logo, teremos un motivo para queixarnos (e chorar). Ese vitimismo tamén ten seu aquel.