O gato de Schrödinger


Lin un cento de veces as distintas interpretacións da chamada paradoxa de Schrödinger, experimento teórico concebido en 1935 polo físico austríaco Erwin Schrödinger para expor unha peculiaridade da mecánica cuántica, e nunca entendín nada. A cousa vai dun gato pecho nunha caixa, na que hai un matraz con veleno e un dispositivo cunha partícula radiactiva que ten o 50 % de probabilidades de desintegrarse nun tempo determinado. Se a partícula se desintegra, o veleno libérase e o gato morre. Pois, segundo os principios da mecánica cuántica, pasado ese tempo o gato está vivo e morto ao mesmo tempo e non saberemos a verdade ata que abramos a caixa.

Sigo sen entendelo, pero unha estraña asociación de ideas lévame a pensar que o gato podería ser Pedro Sánchez; a caixa, o Congreso dos Deputados; a partícula radiactiva, a decisión da Junta Electoral Central de inhabilitar a Torra e Oriol Junqueras a véspera da sesión de investidura; e o veleno, a dialéctica dos líderes e portavoces. Coma o gato de Schrödinger, Pedro Sánchez estivo vivo e morto ao mesmo tempo mentres se procedeu á votación, por temor a un tamayazo; pero despois sacou peito, sorriu fachendoso e seica dixo entre dentes: «Os mortos que vós matades, gozan de boa saúde».

Falta lle fará a saúde porque, polo visto na investidura, o conxunto da dereita vaino ter ao borde do infarto toda a lexislatura, con ataques irados coma o que lanzaron contra EH Bildu cando a portavoz Mertxe Aizpurua dixo que España é aínda un país autoritario e o discurso de Felipe VI sobre Cataluña, en 2017, proba evidente. Os berros dos deputados do PP e Vox, chamándolles «asesinos» e esixíndolles pedir perdón impedíronlle continuar.

Non é o peor que se leva dito sobre a organización creada e conducida por Arnaldo Otegi. En marzo del 2001, o senador socialista vasco Mario Onaindía era entrevistado no xornal El Mundo e, cando lle preguntaron como explicar que os votantes de EH estivesen de acordo co sufrimento que causaba a violencia de ETA, respondeu: «No le quepa la menor duda de que disfrutan al enterarse de que se ha producido un atentado terrorista. Me lo explico por su ideología política fascista».

Porén, pasados dez anos do último asasinato de ETA e case dous da súa disolución, Euskadi non é aquel país torturado e envilecido polo terrorismo; nin os máis dos cargos políticos de EH -agora EH Bildu-, uns por razón de idade, outros por traxectoria política, teñen responsabilidade nos crimes; nin os votantes os aplaudirían se así fose. Os anos de paz foron tamén de reflexión, e de esforzo por superar a traxedia. Claro que hai familiares de vítimas do terrorismo que non esquecen, moito menos perdoan, e están no seu dereito; pero outros si o fixeron, con xenerosidade abraiante, a prol da convivencia. Hoxe só o 30 % da poboación quere a independencia, a gran maioría está satisfeita co Goberno autonómico ou aspira a un estado federal, e sete de cada dez vascos pasan as vacacións noutra comunidade española.

Non, os membros de EH Bildu non son «herdeiros de ETA». E tal nos vale, porque teñen dezaoito deputados no Parlamento vasco, sete no de Navarra, catro no español, dous senadores, 117 alcaldes e 1.250 concelleiros no País Vasco. E seguen medrando.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
47 votos
Comentarios

O gato de Schrödinger