Rutinariamente

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

09 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Volve a rutina. É un modo de ser feliz. E sabemos o que vale a rutina no mesmo momento en que calquera accidente imposibilita o seu curso. Ten inimigos. En nome da aventura, a rutina quedou en mans dos aburridos: a contraportada dos días. A vida hai que mirala tamén así, dende a parte de atrás. Reflexionar sobre ela. Saber se vivimos para nós ou para o que nos contan. Se valen os nosos soños ou son os soños dos outros os que imperan. Esta é unha loa á rutina. A este xaneiro que comeza con novo Goberno, risas e lágrimas, e con tanta mentira que un quere borrarse da política. As bágoas de Pablo Iglesias son de ollos apretados, escasamente diferenciadas da risa. O desprezo de Pedro Sánchez ao saúdo cortés de Pablo Casado é o signo dos tempos: a mala educación. Vox é unha liña, rotulador negro, que temos que borrar con goma de tolerancia e sosego e intelixencia. Cataluña non son só os independentistas. Iso que chaman «las tres derechas», con belixerancia frentista, son dúas en realidade: PP/Cs e os outros. Volve a rutina, mesmo na política. Nunca o paxaro da cousa pública voou máis baixo. É preciso o sentido común. Non entendo que un goberno poida estar nas mans daqueles aos que «España nos importa un comino». Onde están os socialistas que propiciaron, con Felipe, a España máis luminosa da historia recente? Volve a rutina. E desculpen o pesimismo. Pasará. Como pasará este frío que nos vai xeando unha parte de nós, onde duran e perduran as tristezas: os adentros. Este mundo temos que cambialo: con rutina, precisamente. De tolerancia, tenrura, abrazos, solidariedade, ideas. Confrontalas. Pero de que valen as ideas? O mundo está en mans da aventura. Rutinariamente.