A présa é mala conselleira

OPINIÓN

06 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Por moi difícil que o vaia ter o novo Goberno, cousa que ninguén pon en dúbida, non autoriza a que as trompetas do apocalipse formen rebumbio enxordecedor e convertan en agoiro o que debera ser pensamento esclarecedor. Nin resulta estético o panorama de aldraxes, rexoubas e pullas que xorden aquí e acolá.

Nin sequera se atende á cortesía democrática de agardar cen días para ter unha idea do Goberno que imos ter: por adiantado se deixa sentado que as bestas apocalípticas nos van engulir e que o mundo vai acabar. Iso non é facer oposición, nin cousa que lle pareza; é, no mellor dos casos, demagoxia da peor lei, demagoxia barata que só pode contribuír á banalización dos usos democráticos que os países civilizados acostuman observar.

Mala cousa que as maneiras políticas se instalen no puro disparate: as medidas que o programa de Corbyn deseñou para a Gran Bretaña -subliñárono moitos xornais- son máis radicais cás que propón a nova coalición e a ninguén se lle ocorreu agoirar ningunha calamidade especial. As diferenzas son as que son.

Tampouco se entende que clase de patriotas poden ser os que queren que fracase un Goberno aínda non constituído e nos leve a todos nun remuíño catastrófico do que non hai volta. Máis ben semella que tal cousa os deixaría moi satisfeitos, algo que a xente normal, se aínda existe, nunca poderá comprender. Tanto cega a présa por chegar a onde o voto non o permitiu?

Non sería máis normal, e máis patriótico, desexar que o experimento saia ben, controlalo con rigor dende a oposición conforme se vaia executando, seguir de preto e sen concesións o seu desenvolvemento? Isto sería facer política, algo que, polo que imos vendo, non entra na axenda da oposición. Unha pena, porque a oportunidade é única.