As escuras

OPINIÓN

27 dic 2019 . Actualizado a las 11:27 h.

AMaruxa non tiña ningunha gana de vir á compra connosco. Tenteino de mil xeitos, pero como eran as catro da tarde, e estaba medio adormecida, pensei que era mellor que quedara, que por media hora non ía pasar nada.

Deixámola no sofá, coa radio posta e a cociña de leña acendida. Xan e mais eu marchamos facer a compra da comida de Nadal, e en menos de vinte minutos comecei a recibir mensaxes de miña irmá Raquel: «Onde tes o cadro da luz? Mami quedou sen luz e ándao buscando ás escuras». A nosa nai e o móbil enténdense o xusto: basicamente chama ao último número que a chamou, e menos mal que esa fora miña irmá.

Ao dar a volta vimos que toda a aldea (máis ben todo o concello) quedara sen luz. Ás cinco e media da tarde, a sete quilómetros de Ourense, a noite pecha non deixaba ver nada máis que o son do vento das ramas caídas. Puxemos candeas «normais» por toda a casa, pero a luz non volvía, así que na medianoite prendemos tamén as candeas da virxe de nonseique e da virxe de nonseionde que me trae miña irmá Yoly cando vai de romaría coa Maruxa.