Xosé Luís Franco Grande acaba de publicar na editorial Galaxia un libro memorialístico co título A ilusión da esperanza e co subtítulo De Cabanillas a Xulio Ríos. O subtítulo, na primeira edición (Edicións do Cumio), era De Cabanillas a Baixeras. Como aclara o autor, no limiar da segunda edición, engade nesta nove nomes: Xesús Alonso Montero, Ramón Lorenzo Vázquez, Antón Santamarina, Carlos Baliñas, Xesús Ferro Ruibal, Marina Mayoral, Arcadio López-Casanova, Xavier Carro e Xulio Ríos. Son, na actualidade, 50 retratos literarios de persoas que constitúen unha especie de libro dos amigos, que este foi o título dun memorable devocionario de Otero Pedrayo (O libro dos amigos, Bos Aires, 1953). Franco Grande refírese aos protagonistas destas trescentas páxinas nestes termos: «Aí quedan, pois, algúns dos amigos cos que me encontrei no meu camiño, xa longo, en procura dunha Galicia con sentido». Tamén o autor nos dá unha pista sobre o método de achegamento a estes cincuenta nomes: «Sorprender a cada persoa en situacións que, aínda que poden semellar anecdóticas, non deixan de ser definidoras». E así procede desde que en 1954 contempla a xigante personalidade de don Ramón Otero Pedrayo cando o noso memorialista era alumno do egrexio profesor na Facultade de Letras de Compostela.
Libro de retratos, libro dos amigos, libro memorialístico, tamén é un libro no que asistimos á formación de Franco Grande como cidadán, como galeguista e como antifranquista. En capítulos moi distintos, aparecen as figuras decisivas -na súa formación- de Domingo García-Sabell e Ramón Piñeiro (A Piñeiro, só a el, lle dedica dous capítulos, bastante extensos, por outra parte).
No capítulo das mulleres, tres delas importantes escritoras (Luz Pozo, Xohana Torres, Marina Mayoral) só dúas son contemporáneas do cronista. As outras dúas mulleres do libro, que non foron escritoras nin pensadoras (coram populo), son Elena Tormo e Isabel, esposas, respectivamente de García-Sabell e Piñeiro. Coas páxinas que lles dedica Franco Grande entendemos mellor a vida e a obra dos dous pensadores, tan decisivos na formación intelectual de todos aqueles que se facían preguntas sobre a Galicia da Posguerra.
Libro para ler con deleite e con aproveitamento, un ideal literario xa preconizado por Horacio.