Precisamos do idioma

Marcos Maceira Eiras DECOTÍO

OPINIÓN

18 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os resultados da exclusión do galego e das políticas contrarias á súa presenza en todos os espazos están á vista e os datos oficiais só o veñen confirmar. Segundo o Instituto Galego de Estatística o 24 % dos e das menores de 15 anos xa son incapaces de falaren galego. Emerxencia lingüística advertida por centos de entidades sociais agrupadas en Queremos Galego, entre elas a Mesa pola Normalización Lingüística, ANPAS, organización sindicais ou movementos de renovación pedagóxica.

O comité de expertos para a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, encargado de examinar o cumprimento deste tratado internacional ratificado polo Estado español en 2001, advertiu por terceira vez dos incumprimentos por parte da Xunta de Galiza e do Goberno español. Sumouse o comité de ministros do Consello de Europa, afirmando que a introdución doutras linguas no ensino non pode excluír a propia e que deben ser eliminadas as restricións ao ensino en galego en Galiza, en referencia ao mal chamado decreto de plurilingüismo.

O dereito a recibirmos atención e servizos na nosa lingua non existe cando o funcionariado dos servizos públicos dependentes do Estado (xustiza, facenda, seguridade social, corpos de seguridade, etcétera) non o ten que coñecer. O uso da nosa lingua está restrinxido en ámbitos como o económico, até o punto de ser imposíbel en Galiza abrir unha conta bancaria en galego, só temos o 0,4 % de posibilidades de comprarmos un xoguete en galego ás nosas crianzas, e a nosa é a única lingua cooficial sen posibilidades de lexendaxe nas plataformas dixitais. Alá eles! Foi o desprezo do presidente da Xunta ao Consello de Europa, organismo internacional de protección da democracia e os dereitos humanos. Alá vós, galegas e galegos! Debería ter dito. Os pobos que aspiran a niveis altos de prosperidade e benestar social mantéñense e apóianse na súa lingua. É necesidade que indica fortaleza, autoestima e confianza en si propios. Exemplos hai abondo, como os hai de limitacións e prohibicións naqueles que permanecen na parte baixa da táboa do índice de desenvolvemento humano da ONU. Aí é onde non queremos ir.

Precisamos do galego para existirmos con toda a nosa capacidade. O avance da emerxencia lingüística en Galiza é evitábel. A sociedade galega fai esforzos para romper as barreiras impostas ao uso do idioma. Mais non pode estar soa. Cómpre vontade e compromiso efectivo dos gobernos a comezar por quen está obrigado legal e moralmente, o noso, o da Xunta.