Ditabrandas


Disque desde South Beach, en Miami, se ve A Habana. Afino os ollos, pero non vexo máis ca brétema. Estou tamén baixo os efectos do taxista que me trouxo, un dominicano que percorre Florida seis meses e os outros seis esmorece en Haití, e que me explicou os motivos polos que todos deberíamos votar a Donald Trump para axudalo a salvar América e, por conseguinte, o mundo. Asomo á varanda. É o lugar ideal para ciscar fake news sobre as revolucións de esquerdas en América do Sur: por aquí dise que Cuba, coa axuda de Venezuela, logrou expandir o comunismo e poñer en perigo a Humanidade...

Poño as gafas, e por máis que me esforzo en ver a Habana, non albisco perigo ningún. O que hai do outro lado, despois de sesenta anos chegando en forma de vento, xa non é máis ca un solar en obras que mantén as cinsas dun soño a través de xogos de represión que xa pouco teñen que ver co que foi outrora. Así o sentín onte ceando cunha escritora que «entra e sae», xogando ao gato e o rato cun réxime que utiliza a súa disidencia como símbolo de «brandura»; así o sentín, tamén, ante os medos que percorren á intellectualité de Miami, capaz de culpar da inseguridade en Colombia aos migrantes bolivianos ou venezolanos, ou de enxuizar o procés catalán como unha revolución comunista máis.

Por iso, asomada ao Caribe, penso que o verdadeiro perigo está aquí, onde campa un extremo racista e ultraliberal capaz de inventar un inimigo ditador alí onde ninguén utilizou a Cambridge Analytica para manipular unhas eleccións. Pero este discurso simplón só logrou inventar ditabrandas para explicar pobos que se remexen fartos dunha pobreza sabiamente conducida. Porque, efectivamente, deste lado da brétema non se ven pobres.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Ditabrandas