Con estabilidade, resultados na escola

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

05 dic 2019 . Actualizado a las 20:32 h.

O informe PISA 2018 que vimos de coñecer sitúa a Galicia á cabeza do Estado en competencias científicas, e entre as cinco mellores comunidades nas competencias matemáticas. Isto pon de manifesto que temos un alumnado que se esforza, un profesorado comprometido co seu labor e unhas políticas educativas que responden ás necesidades do ensino galego. Demostra tamén que a senda iniciada hai dez anos pola Xunta, coa posta en marcha de estratexias definidas e medidas innovadoras á vez que adaptadas á nosa realidade, está a dar os seus froitos.

Déronse pasos constantes e firmes, grazas ao marco de estabilidade creado por un Goberno autonómico que ten a educación entre as súas prioridades. Fronte a outras comunidades autónomas con resultados dispares nos distintos informes PISA, desde o 2009 Galicia é quen de manter unha tendencia de mellora continua e de situarse ao nivel de países como Corea ou Alemaña en competencia científica, e de Finlandia ou Suecia en competencia matemática. Unha mellora especialmente significativa no caso das alumnas, que superan en puntuación aos seus compañeiros.

O incremento das horas de matemáticas en primaria e secundaria, a aposta polo fomento das competencias científico-tecnolóxicas desde idades temperás -con programas que favorecen a experimentación, o pensamento lóxico e a investigación-, a posta en marcha de programas de reforzo para o alumnado con máis dificultades, ter a ratio media de alumno-profesor máis baixa do Estado e a máis ampla rede de formación do profesorado son, sen dúbida, factores fundamentais para situar o noso sistema educativo nas mellores posicións, tanto a nivel nacional como internacional.

Porén, sen un Goberno autonómico forte e estable, capaz de marcar unha folla de ruta a longo prazo, non sería posible construír un modelo consolidado e diferenciado como o galego. Tampouco sería posible sen a implicación de todos os axentes educativos neste modelo que, aínda que adaptado á nosa realidade, pode ser referente para outros territorios. Trátase dun éxito compartido que nos debe facer sentir orgullosos do labor feito e motivados para seguir avanzando cara á excelencia educativa.