Platanomelon

OPINIÓN

23 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribir a estas alturas do Satisfyer di moi pouco do meu concepto de actualidade. Xa está todo dito. Este Nadal desprazará ao patinete eléctrico como agasallo estrela. Calquera pode atopar as especificacións técnicas na páxina web que os vende. Todas. Dende as súas 11 velocidades, ata que se pode mergullar. Aí esta. Ao noso alcance: o orgasmo en dous minutos por obra e gracia da enxeñería vaxinal.

Así que este artigo non vai do aparello en si. Este artigo vai doutras cousas.

Poñéndonos en situación. Imaxinen: comida de amigos. Eles, cinco homes que comparten amizade e actividades comúns. Nós, cinco mulleres, parellas deles, que apenas nos coñecemos. Imos a esa comida en condición de acompañantes.

Empanada, paella, viño, sobremesa, café, gin-tonics e de repente... Satisfayer.

Sae o aparello na conversa e ao momento todo o mundo opina. Pero cando unha das mulleres pronuncia as verbas máxicas, «eu téñoo», todo se desboca. Xorden as preguntas. «Conta, conta». E claro que conta. Conta marabillas. Tanto que ata pensamos que leva comisión coa paxina web que o vende.

E así, sen máis, xa está montada a polémica. Hai vida máis aló do empotramento? Para que o queremos? Acaso cinco mulleres da nosa idade con parella e unha vida sexual activa necesitan máis? E ao momento xorden tamén os primeiros argumentos masculinos a prol do aparello: ata Messi, que é o mellor xogador de fútbol do mundo, algunha vez queda no banquiño e non é titular.

Máis polémica. Máis gin-tonics.

E por fin a conclusión final: ao Satisfyer non lle imos agradecer eses orgasmos en dous minutos que promete a web Platanomelon (minipunto para o publicista que bautizou a páxina). Ao Satisfayer ímoslle agradecer esta conversa.

Esa é a realidade. Ao Satisfayer ímoslle agradecer a normalización da nosa sexualidade, do noso clítoris, dos nosos orgasmos. Ao Satisfayer ímoslle agradecer que se fale do que se sinte ao chegar á velocidade número seis sen complexos, en voz alta, sen vergoña. E témoslle que agradecer que as nosas parellas asuman que a súa masculinidade non é directamente proporcional ao noso pracer, algo que nas parellas heterosexuais é recorrente. Ao Satisfayer ímoslle agradecer a súa capacidade de igualar o pracer feminino co masculino. A reivindicación do nos pracer. Esa saída do armario dos nosos orgasmos.

Eu non sei se o incluirei na miña lista de agasallos de Nadal, pero de momento xa teño un grupo de WhatsApp no que estamos todos, homes e mulleres, porque non se tata de substituílos: platanomelón11velocidades.

Bendita normalidade.