Margarita Salas, un referente

OPINIÓN

UIMP

08 nov 2019 . Actualizado a las 08:43 h.

Coincidía moito desde había tempo con Margarita Salas en consellos asesores de centros, padroados e actos científicos. Este verán tiven a oportunidade de ser o seu convidado na cátedra Eladio Viñuela (así chamada na honra do seu marido), que organizaba na Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) de Santander, e foron un par de días de goce con ela e os seus alumnos. Falou dos novos desenvolvementos que pensaba facer do seu grande descubrimento da ADN polimerasa do fago Phi29 e contaba todo coa ilusión pola investigación e a curiosidade intactas dunha rapaza nova. Hai nada que me chamou para que impartira unha charla na semana da ciencia en Luarca sabendo do meu amor, que era compartido por ela, pola divulgación da ciencia aos rapaces novos, e deime conta da importancia que para ela tiña a súa terra natal (outro punto máis en común). Desgraciadamente xa non poderá ser con ela.

Para min sempre foi e será unha persoa admirable e un referente, pola súa capacidade, os seus logros e os seus valores. Loitou incansablemente por poñer en valor a investigación e os investigadores e por destacar o papel da muller na ciencia, do que ela mesma era a mellor expoñente.

Mais aló dos seus descubrimentos científicos, que impactarán na ciencia durante xeracións, foi o seu xeito de ser, o seu amor pola vida, a ciencia e a xente, o que fan que o seu pasamento sexa unha perda inmensa para todos nós, científicos e non científicos. Eu persoalmente sinto unha tristura enorme, e sempre a levarei no meu recordo.