Sentidiño fronte á improvisación

Francisco Conde TRIBUNA

OPINIÓN

Kiko Huesca

07 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A economía fuxe do medo. As dúbidas non son a súa mellor compañeira de viaxe. Por suposto, non quere saber nada da palabra inestabilidade. De aí a importancia de que as administracións públicas saibamos actuar sempre desde a responsabilidade, defendendo o mellor para os nosos cidadáns, promovendo solucións para achegar luz e non caos. En definitiva, que sexamos capaces de xerar emprego e actividade empresarial, as dúas premisas básicas para garantir o benestar social. O certo é que non sempre se consegue. As administracións estamos expostas a cometer erros. E cando iso sucede, a clave, a curto prazo, é recoñecer que algo se fixo mal e reconducir a situación; para despois poder entender por que se produciu e evitar que pase de novo. Por este motivo, en Galicia cada vez hai menos voces que defendan que o Goberno de España ten á nosa industria na súa axenda política. O curtocircuíto que estamos sufrindo vai a máis e a Administración central non reacciona.

As centrais térmicas das Pontes e Meirama e as empresas electrointesivas, con Alcoa San Cibrao á cabeza, son os expoñentes máis claros do baleiro industrial que estamos a padecer en Galicia. Son a viva imaxe de que a improvisación está gañando a partida. Chama especialmente a atención que, sendo casos totalmente distintos, o común denominador é o mesmo: a falta dunha política industrial e enerxética.

No primeiro caso, no das térmicas, non se entende que exista unha predisposición a poñer en perigo as vantaxes do noso actual mix enerxético. O Goberno de Pedro Sánchez ten decidido ser o primeiro en pechar estas centrais, cando hai aínda máis dun cento en toda Europa en funcionamento.

España quere ser a primeira da clase na sinatura de transición enerxética. O problema é que, coma os malos estudantes, en lugar de preparar a lección, segue adiante sen importarlle o suspenso, provocando unha ruptura enerxética sen precedentes no noso sistema eléctrico. En Meirama está permitindo a Naturgy o peche da central térmica (programado para mediados de 2020) sen que nin sequera poña sobre a mesa unha alternativa industrial.

Esta estratexia da improvisación é a que estamos vivindo tamén nas Pontes. A pesar de que Endesa acaba de investir máis de 200 millóns para adaptarse ás normativas europeas, o peche definitivo da térmica é unha posibilidade real. O Goberno non está escoitando a Galicia: non escoita aos traballadores, nin ao Concello, nin á Xunta.

Non comprendemos por que o Goberno non convoca aos gobernos local e autonómico e a Endesa a unha mesa técnica e presenta medidas que entendemos que poidan dar unha oportunidade para realizar unha transición enerxética xusta e ordenada.

Non comprendemos por que non elimina o céntimo verde sobre o carbón, por que non establece medidas que estimulen unha combustión ecolóxica coa utilización de biocombustibles; e por que non adopta estímulos para as centrais térmicas que fixeron os investimentos necesarios para adaptarse á Directiva Europea de Emisións Industriais.

Tampouco comprendemos a que está esperando o Goberno para incluír a Galicia no Equipo País da Plataforma Europea de Rexións Mineiras en Transición, o que lle permitiría optar en igualdade de condicións que outras comunidades autónomas aos fondos europeos que se destinen a proxectos para esta transición enerxética.

E por suposto que non comprendemos por que está defendendo o fin das térmicas se non conta cunha Estratexia de Transición Xusta. A propia Comisión Europea, nas súas recomendacións sobre o Plan Nacional Integrado de Energía y Clima de España para el período 2021-2030, advirte de que na transición enerxética que propón o Goberno non se están avaliando como é preciso «as repercusións sociais das políticas, as medidas e os obxectivos previstos», así como a súa incidencia sobre o emprego. Ou dito doutra maneira, Europa estalle pedindo a España que reformule a súa planificación e actúe desde o sentidiño.

Estes apagamentos industriais do Goberno non son exclusivos das centrais térmicas. A historia repítese na industria electrointensiva. Se non se rebaixa o prezo eléctrico ata aos 35-40 euros por MWh, o final deste sector non ten volta atrás. A Xunta presentou un estatuto para os grandes consumidores no que se recollen medidas fiscais -como a supresión do imposto do 7% á xeración eléctrica para todos os consumidores (o que suporía un aforro medio na factura de 20 euros ao ano nos fogares galegos)-, a redución de cargas e peaxes recollidos nas tarifas de acceso, e a incorporación da categoría do consumidor hiper-electrointensivo.

Cando os concellos da Mariña lucense, a Asociación de empresas con gran consumo de enerxía (Aege), Alcoa e os seus traballadores de San Cibrao están a favor das medidas, resulta incluso máis difícil de explicar por que o Goberno decide illarse do resto e practicar a política do camaleón (imitar o primeiro que ve, quedarse quieto e intentar que pase o tempo sen facer nada).

Pero agora non hai escusas, non hai tempo para quedarse calados. Debemos ser resolutivos. Cando a única empresa que fabrica aluminio primario en España rebaixa a súa produción un 11% e a multinacional da que depende advirte de que realizará un plan de reaxuste a nivel mundial, o Goberno non pode dicir que está en funcións para quedarse de brazos cruzados. Como é posible que a súa intención fose aprobar un Estatuto a dous días das pasadas eleccións de abril e agora diga que non pode facer nada ata despois do 10N?

Galicia estará a favor de calquera medida que se adopte para garantir a rebaixa do prezo da electricidade ata niveis que nos permitan competir en igualdade de condicións co resto de Europa. Chámese Estatuto ou chámese calquera outra medida. Por exemplo: estamos de acordo coas axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2? Sen dúbida. Pero son suficientes para acadar o obxectivo final? Rotundamente non.

Alcoa, As Pontes, Meirama... requiren de solucións intelixentes e rápidas. E sobre todo, necesitan de vontade política. De nada serve que Galicia ofreza a súa man para seguir colaborando se do outro lado da liña en Madrid ninguén colle o teléfono. Galicia ten claro que o futuro pasa por unha transición enerxética xusta na que sexan compatibles o medio ambiente e a industria. Baixo ningún concepto se poden poñer en risco os 6.000 empregos que suman a industria electrointensiva galega e as dúas centrais térmicas.

Agardamos que o 10N supoña o punto de inflexión que necesita Galicia para que o novo Goberno afronte con urxencia o que está acontecendo e dea unha saída definitiva a estes problemas. Goberne quen goberne, Galicia seguirá estando a disposición da Administración central. Quere formar parte da solución. Galicia traballa para ser cada vez máis verde, pero tamén máis innovadora e máis competitiva. Só nos move un obxectivo: o futuro de 6.000 familias e dunha industria galega respectuosa co medio ambiente. Que o sentidiño se impoña á improvisación.