Incerteza xudicial

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Andreu Dalmau | efe

22 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes momentos moita xente está a preguntarse que dirá o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos cando todos os condenados en España polo que está a pasar en Barcelona vaian a Estrasburgo. É un tema sobre o que ninguén se atreve a adiantar unha opinión: nin xuíces, nin catedráticos de Dereito, nin os paisanos do montón coma min.

Lembran o caso das caixeiras de Mercadona que roubaban mercadoría á empresa e foron gravadas? Rexistraban na caixa os prezos dos obxectos que chegaban nos carros de familiares e amigos e despois borrábanos. A empresa colocou cámaras ocultas e, confirmados os roubos, despediu a cinco caixeiras. Elas recorreron ante os tribunais esixindo indemnizacións. Os xuíces españois déronlle a razón a Mercadona, pero o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou a España por non protexer a privacidade das demandantes, e considerou xustas as indemnizacións solicitadas. Agora saíu unha nova sentenza do mesmo tribunal sobre aquel caso, rectificando o fallo anterior e dando a razón a Mercadona e a España. Así que non sabemos que pasará co de Cataluña, tanto no que se refire á sentenza dos condenados por sedición como ás euroordes contra fuxidos da Xustiza, e as sancións polos delitos de ocupación do aeroporto, de estradas, queima de coches, etcétera. Pode ser que acabemos pagando indemnizacións a todo o mundo. Xa veremos.