Unha sentenza demasiado discutible

Jordi Nieva-Fenoll CATEDRÁTICO DE DERECHO PROCESAL NA UNIVERSIDADE DE BARCELONA

OPINIÓN

20 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Lendo a extensa sentenza do caso do procés, dá a sensación de que a deliberación dos maxistrados foi intensa e non estivo exenta de presións ambientais, mediáticas e ideolóxicas sobre todo. Seguro que algúns desexaban 25 anos de prisión por rebelión, e outros quizais non vían tanta gravidade no acontecido. Finalmente, condenaron a penas de entre 9 e 13 anos por sedición e malversación, pero con varios detalles moi sorprendentes.

En primeiro lugar, se nos referimos á concentración de setembro do 2017 perante a Consellería de Economía catalá, estamos falando probablemente da primeira condena por sedición na historia do mundo na que non houbo nin un ferido nin un detido. E se falamos dos cidadáns tentando celebrar un referendo obstaculizando con actos de resistencia pasiva unha intervención policial, estamos falando, novamente, da primeira vez en que cidadáns sentados no chan son tachados de sediciosos. Non lanzaron cócteles molotov, nin fixeron barricadas, nin buscaron agredir ás forzas da orde; ao contrario, eses cidadáns foron os agredidos e, porén, resulta que protagonizaban, creo que sen sabelo, unha sedición.

Porque ninguén, nin a Fiscalía, pensou daquela nese delito, e moito menos na rebelión. Reparemos en que o referendo foi o 1 de outubro, e a querela con esas esaxeradas acusacións presentouse o 30 de outubro, un mes despois. Se tan grave era o acontecido, como é que se agardou un mes para perseguilo?

Non obstante, o Tribunal Supremo ve sedición nunha multitude de actos de resistencia pasiva á acción policial en cumprimento dun mandato xudicial, o que resulta inquietante para futuras accións de protesta, que son propias dunha democracia. Este tan severo precedente podería non ser puntual e supón unha ameaza para o dereito de manifestación.

Pero quizais é o caso de Carme Forcadell, a expresidenta do Parlamento catalán, o máis sangrante. Condénase por facilitar a aprobación dunhas leis que non aproba ela, senón un parlamento, así como por alentar manifestacións independentistas, o que é lóxico sendo esa a súa ideoloxía. Podía imaxinar esta persoa que remataría acusada de rebelión e condenada por sedición? Púidoo imaxinar algún dos outros condenados? Era posible pensar que o Tribunal Supremo faría unha interpretación tan extrema do ámbito do delito de sedición? A resposta a todo isto é relevante, porque pode determinar que a sentenza sexa anulada.