O escapismo como política industrial

Pablo Arangüena TRIBUNA

OPINIÓN

12 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Botar balóns fóra e eludir as súas responsabilidades, niso parece consistir a política industrial da Xunta de Galicia a pesar de que o Estatuto de Autonomía lle atribúe plenas competencias en materia de industria e de fomento da actividade económica, dentro das bases e coordinación estatais.

Contrariamente á previsión estatutaria, os gobernos do señor Feijoo omitiron a política industrial, tal vez por considerar, na liña da súa ideoloxía neoliberal, que a mellor política industrial é a que non existe. E a pouca que anunciaron non tivo éxito. Así, xa en 2017 o Foro Económico de Galicia constataba o fracaso da Axenda Industria 4.0 da Xunta -que debía crear 50.000 empregos industriais ata o 2020, hoxe inexistentes- e recomendáballe que, dado que moitas industrias galegas seguían na fase 1.0, se concentrara en chegar á 2.0 en lugar de vender políticas tan ostentosas coma ineficaces. Máis recentemente, desde ese foro urxíase un cambio de rumbo na política industrial e de innovación en Galicia.

Galicia viu caer centos e centos de empresas na última década. Xunto a casos como Pescanova, T-Solar, Pórtico, Alfageme e Caramelo, por citar algúns sonados, ou o sector financeiro galego, que perdeu máis de 4.000 empregos, desapareceu unha miríada de pemes industriais. Todo isto sería menos grave se novas empresas substituísen ás caídas, pero non é así, entre outras cousas porque o capital escápasenos: ano tras ano, a inversión estranxeira en Galicia está a anos luz da que correspondería polo seu peso económico (0,14 % do total do Estado en 2018) e segue a fuga de empresas ao norte de Portugal, que roza o pleno emprego e gaña competitividade mentres Galicia retrocede 16 posicións no último índice da UE, ocupando o posto 197 de 268 rexións.

Nese contexto, como xa fixo no caso de Alcoa, a Xunta volve botar o balón ao campo do Goberno central respecto da difícil situación da central térmica das Pontes: acusa ao Goberno de querer pechar a central, unha falsidade absoluta porque o Goberno non adoptou ningunha medida que a prexudicara. A decisión de Endesa non ten nada que ver cun Goberno que leva 5 meses en funcións e 10 en minoría, e si co coste dos dereitos de emisión de CO2, que cotizan nun mercado europeo que impulsou Arias Cañete e no que a tonelada de CO2, a unha media de 6 euros en 2018, disparouse a 25 euros en 2019, facendo que o carbón non sexa competitivo.

A implicación do Goberno galego é esencial para acadar un futuro económico e ambientalmente viable para As Pontes, nun marco de transición xusta que debe ser amparado pola UE. Para iso a Xunta terá a colaboración do PSdeG, no escapismo non.