Imos prender lume?

OPINIÓN

Non sei se é demagoxia ou algo peor. Cando escoitei dicir a Díaz Ayuso que botaba de menos os atascos da capital de España, que eran un sinal de identidade e sen atascos Madrid xa non era Madrid... ata sorrín. Pensei que era unha resposta inocente, sen meditar, unha saída fácil a un cambio promovido por quen está enfronte. Pero logo pensei que quizais era unha mensaxe máis profunda, a de non querer avanzar, a de non recoñecer os erros, a de preferir que as cousas estean mal a corrixilas... Vou ter razón.

Hai uns días, na Asemblea, a señora Ayuso volveu facer declaracións de impacto. Preguntaba que vai ocorrer despois de exhumar a Franco. Van queimar as igrexas? Coma se iso fose o devir natural das cousas. Case me saen os ollos das cuncas...

Perdón? Que ten que ver unha cousa con outra?

Non hai relación ningunha entre sacar ao ditador dun lugar que foi concibido para outra finalidade con ser uns criminais.

Prefiro que estea enterrado noutro lugar. Pero de aí a que me poña a incendiar igrexas... é que non ten xeito. Iso é mesturar o touciño coa velocidade.

O que non se pode é incendiar a sociedade. E tampouco poden plantarlle lume á historia. Queimar o pasado para esquecelo non é a solución. Podemos e debemos condenar o que houbo de negativo no pasado para poder avanzar con limpeza. E iso non ten nada que ver con queimar edificios relixiosos.

Non podemos facer arder a conciencia para obviala. Non podemos queimar historias familiares.

Deixen de xogar con lume, que se van queimar.