Solucións e non ocorrencias contra a praga do xabaril


Adía de hoxe ninguén pon en dúbida que a proliferación descontrolada do xabaril no territorio galego constitúe un problema social que vai mais alá dos graves danos que provoca xa na economía do medio rural. Iso é así porque, á parte dos 15 millóns de euros en perdas na agricultura e a gandaría, hai que sumar tamén os catro accidentes de tráfico diarios nas estradas galegas nos que están implicados estes animais e o alto risco sanitario de contaxio de peste porcina africana (PPC), co que representaría para as 2.000 familias que viven directamente deste sector porcino en Galicia.

O grande amante da natureza Félix Rodríguez de la Fuente poñía en valor a importancia do cazador porque «regula e dirixe coa súa acción o complexísimo concerto da especies: o equilibrio entre os vivos e os mortos». Seguindo as verbas daquel persoeiro, que foi quen de ensinar a un país enteiro o amor e o respecto pola fauna, creo que é chegado o momento de afrontar con seriedade, sen improvisacións nin dogmatismos, o control das mandas de xabaril, unha das máis graves alertas contra a biodiversidade do medio natural en Galicia.

O control das poboacións desta fauna salvaxe debe facerse apoiándose na caza social galega, respectando os seus dereitos, pero baixo a dirección e o control indelegables da Administración. Por iso debe de ser a Xunta quen supervise, ou fixe en cada comarca cinexética, a densidade de xabarís compatible coa capacidade de cada territorio para alimentalos sen que teñan que baixar aos cultivos.

Pensamos que na época de veda ten que ser a Xunta a que coordine as accións puntuais de caza, como as esperas e as accións preventivas para evitar danos nos cultivos. E tamén quen as ordene de forma executiva, mudando a situación actual na que cada tecor (terreo cinexeticamente ordenado, couto de caza) pode decidir a capricho se actúa ou non, sen que lle supoña maiores responsabilidades.

Tamén cómpre dotarse dun fondo económico suficiente para pagar os danos, non só nos anos electorais como agora, e que só cobre o 10 % dos estragos. Para iso está o chamado Fondo de Corresponsabiliade que figura na Lei de Caza de Galicia do ano 2013, pero que aínda está sen poñer en marcha polo Goberno de Feijoo.

Pero tamén hai que poñer couto ás malas prácticas de caza, como adestramentos indiscriminados de cans e campionatos sen morte, que inquietan e desprazan aos xabarís en época de cría do monte cara a zonas habitadas e de cultivos, nas que se refuxian.

Unións Agrarias ten presentado unha batería de propostas normativas nunha proposición non de lei de iniciativa popular, rexistrada neste mes de outubro no Parlamento de Galicia, que está avalada xa por máis de 6.500 firmas de persoas do rural, para acadar un punto de inflexión nos danos do xabaril que inicie o camiño da súa solución.

Sabemos que non existen fórmulas máxicas, pero si a obriga de dar resposta a miles de familias que ven ameazada a súa forma de vida pola mala xestión e proliferación desordenada dunha especie, algo que a día de hoxe é un problema social que cómpre resolver. Neste sentido, a nosa organización está aberta a contemplar no trámite parlamentario da proposición non de lei todas aquelas achegas que melloren a súa eficacia e o seu consenso.

Máis información

Por Roberto García Secretario xeral de Unións Agrarias

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Solucións e non ocorrencias contra a praga do xabaril