Deportividade

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Lavandeira jr | efe

04 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O deporte é necesario, por saúde física e mental. É positivo que no colexio os nenos aprendan a valorar o exercicio. Con el aprenden a superarse, esforzarse, respectar, compartir... Hai deportes individuais e colectivos e de ambos tiramos valores importantísimos.

Pero o deporte non o é se non hai deportividade nel. Neste Mundial de Atletismo, en Doha, o atleta Johathan Busby, de Aruba, desfaleceu un chisco antes de cruzar a meta. Eu teríame deitado no chan e chamaría unha ambulancia. El non quería desertar. Enténdoo. É demasiado tempo de sacrificio para xogarse todo nun día. Eles sábeno mellor ca ninguén.

Saben que pasou? Que un dos seus rivais, o guineano Braima Suncar Dabo, acompañouno, apoiado no seu corpo, ata a meta. Ao cruzala, os dous atletas gravaron o tempo nos seus teléfonos. Busby caeu ao chan. Hai uns meses foi atropelado por un coche. A espírito de superación é emocionante.

É unha mágoa que Orlando Ortega sufrise a cara escura dos que queren ser deportistas pero non saben o que é a deportividade. Corría ao lado de Omar McLeod, un xamaicano que se meteu na súa pista, cortándolle o ritmo e calquera posibilidade de avance. Ía terceiro. O xurado non aceptou nin a apelación da Federación Española. O sacrificio de meses e anos, ao lixo por mor das malas prácticas dun rival.

Crebábaselle a voz ao comentar a situación. Sentíase impotente e indefenso. E, aínda así, dicía que quedaría con todo o bo que lle pasou este ano.

Forza, Orlando. Tes a medalla de ouro en deportividade.