Os ollos da Garda Civil

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Zipi | efe

02 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A DGT dá melloras nun dato ruín, o das mortes na estrada, e a Garda Civil de Tráfico airea os seus «ollos telemáticos», suspendidos deses abellóns mecánicos que demos en chamar drons. Volvemos a unha realidade convulsa, á UE preocupada polo isolacionismo inglés e a España na procura de goberno estable. Mal momento logo para normativas harmonizadoras en Bruxelas e para decisións regulamentadoras en Madrid. Canto aos drons, poida ser que a Garda Civil use un sistema de comunicación terra-aire (e de transmisión de datos aire-terra) con todas as cautelas que dá a telemática para protexer o que está no éter. Mais ao xuízo dos técnicos trataríase sempre de «parche sobre parche de seguridade».

As comunicacións dos vehículos aéreos non tripulados funcionan hoxe en banda libre do espectro radioeléctrico, a da WiFi. Daquela, calquera rapaz espilido podería provocar un desastre dos ollos vixilantes, carga útil dos drons, carísima e con peso dabondo como para ferir no impacto. ¿A solución? Asignar frecuencias específicas para eses vehículos, situadas no espectro lonxe das do equipamento que se usa nunha banda popular e liberada. ¿Cando? Cando acougaren os señores deputados.