A voz do tempo

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZ

OPINIÓN

27 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

De pequena imaxinaba como era a vida dos meus pais en Caracas, onde se coñeceran. Imaxinaba o seu mundo a través das súas historias. A narrativa das súas vidas na emigración suprimía a parte do traballo descomunal que levaban a cabo para poder sobrevivir, e o que transcendía da súa experiencia alí era a comunidade: os bailes e as reunións na Hermandad Gallega. Ás veces mencionaban de pasada o duro que fora chegar alí, ou o cambio que supuxo pasar de Armariz ou Berredo á capital de Venezuela. Pero o difícil, a tristura, non chegaba a nós, as fillas dos retornados.

Sempre sentín fascinación polo impacto da emigración na nosa terra. As máis de 300 escolas da emigración, escolas do noso rural creadas e financiadas por emigrantes nos séculos XIX e XX, son un dos exemplos máis poderosos de filantropía e compromiso social da nosa nación. Pero o xeito de entender o noso na Galicia exterior merece un capítulo aparte.

Miguel, Roberto e mais eu chegamos a Mar del Plata. Iamos participar na X Xuntanza de Gaiteiros preparando un concerto cos mellores embaixadores da nosa cultura alí: os fillos e netos de galegos que tocan e bailan acotío. Xa no escenario, e ao remate do concerto, achegueime a saudar á muller coa que chanceara todo o día, e entón os cen músicos comezaron a berrar: Que cante Visita! E Visita cantou. E eu non puiden conter a emoción. A voz de Visita Turnes, que chegou á Arxentina no 1958 sen intención de quedar, contiña tódalas cores e dores da emigración.

As outras Galicias son as nosas cápsulas de galeguidade. Cheas de paixón e de historias que probablemente se perdan no tempo, de leccións de vida que probablemente nunca escoitaremos.