Unha década perdida para o emprego

Manuel Lago
Manuel Lago EN LIÑA

OPINIÓN

SANDRA ALONSO

25 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A eolución do emprego é o indicador mais preciso do fracaso da xestión da economía dos gobernos presididos por Feijoo. Un fracaso absoluto, porque foi unha década perdida para o emprego: hoxe hai menos persoas traballando en Galicia que fai dez anos, cando Feijoo ocupou a presidencia da Xunta. O demostran os datos da Encuesta de Poboación Activa (EPA) elaborada polo INE: no segundo trimestre de 2019 traballan en Galicia 1.100.000 persoas fronte as 1.1514.000 que o facían no mesmo trimestre de 2009, cando Feijoo chegou a presidencia. En dez anos do seu goberno perdemos 54.000 empregos. É un resultado desastroso, un balance tan negativo que descalifica a calquera gobernante: case tres lexislaturas nas que non se crea emprego senón que se destrúe.

Iso nunca sucedera nunca na historia recente do pais. Nos dous anos de goberno Laxe o emprego aumentou en 11.000 persoas. Nos dezaseis anos de goberno Fraga creáronse 70.000 empregos netos. Cando Touriño deixou a presidencia en 2009 había 37.000 ocupados mais que ao inicio do seu mandato no 2005.

Feijoo vai pasar a historia por ser o único presidente que vai deixar o goberno con menos empregos dos que había cando chegou. A pesares de ter maioría absoluta durante tres lexislaturas, de gobernar 12 anos.

Un balance desolador que non pode xustificarse pola recesión, porque Galicia é a comunidade autónoma coa peor evolución do emprego na ultima década, nos anos de Feijoo. Non entre as peores: a peor das 17 comunidades autónomas que conforman o Estado español.

Dende o segundo trimestre do 2009 ata o mesmo trimestre do 2019 no conxunto do Estado o emprego aumentou en 651.000 persoas, mentres que en Galicia caeu en 54.000. Para que se entenda mellor, no resto das autonomías o numero de persoas con traballo aumentou en mas de 700.000 pero aquí se destruíron 54.000 empregos. Unha diferenza enorme que fai de Galicia o territorio coa peor evolución de todas as comunidades.

Este é un dato fundamental, porque é o diferencial na evolución do emprego no seu territorio -en comparación co resto das autonomías- o que sirve para valorar a responsabilidade dun goberno autonómico. O ciclo económico e do emprego ten unha elevada sincronía no conxunto do Estado, polo que a responsabilidade de cada goberno autonómico está nas diferenzas entre territorios.

Das 17 comunidades só cinco destruíron emprego nos últimos dez anos e Galicia ten o triste privilexio de encabezar esa lista negra por diante de Asturias e Castela e León. Unha destrución de emprego que afecta tanto a asalariados como, sobre todo, aos autónomos. Fronte ao falso discurso do emprendemento a realidade é que en Galicia hai 40.000 autónomos menos que no 2009. Cifras moi negativas, apesares dos cinco anos de crecemento económico, que xeran unha enorme preocupación diante do cambio de fase do ciclo económico: aínda non recuperamos o nivel de emprego e xa temos enriba, outra vez, a ameaza da desaceleración económica, o crecemento débil e a destrución de emprego.