A violencia contra as mulleres no mundo ten múltiples caras: a desigualdade legal, o matrimonio infantil, o acoso sexual, a violencia verbal, a psicolóxica e a física, que nos leva á morte. Segundo un informe de Nacións Unidas, no mundo rexístranse cada ano uns 50.000 asasinatos de mulleres a mans dos seus achegados, non só parellas ou exparellas, senón tamén pais ou irmáns que asasinan para «protexer a honra da familia». A UE non escapa destas cifras. Finlandia e Alemaña case duplican a España, que, no que vai de 2019, rexistra 42 mulleres asasinadas. E a causa última do peor dato dende hai un lustro é o machismo, que segue a existir.
Máis aló de análises simplistas que falan da violencia machista como unha lacra ou un mal (coma se fose unha pandemia), e que fían a súa mitigación a condenas a prisión permanente revisable (como se aos maltratadores lles importase o lado represivo do sistema penal), a cifra de asasinadas ata hoxe demostra que algo non estamos a facer ben. Falla o sistema preventivo nos ámbitos da educación e da sanidade mediante a aplicación de protocolos de detección. Falla a educación en igualdade. Falla a linguaxe, que segue a ser sexista. Falla a concienciación social cando hai responsables políticos que, de maneira inconsciente, afirman que ningún outro neno pode quedar orfo por culpa do machismo asasino, esquecendo que non se trata de nenos, senón de crianzas.
Temos esquecido que a loita debe ser integral, sen deixar fóra un só ámbito, sen frivolizar. Perdemos de vista que debemos eliminar o lixo que moitas persoas seguen a ter na cabeza, ese lixo formado por residuos perigosos, moralistas, intolerantes e, sobre todo, machistas. Usemos xa o primeiro tratamento para ese lixo, usemos o feminismo que leva séculos buscando a igualdade.
Leer más: Clamor contra el terrorismo machista