Deportistas de alto nivel, unha aprendizaxe permanente

José Ramón Lete SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE

OPINIÓN

13 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A amplitude do feito deportivo vive en constante expansión, identificándose como un dos fenómenos máis relevantes das nosas sociedades. O deporte inflúe nas economías, na saúde pública, na educación ou nas propias relacións entre Estados, e é considerado xa como un auténtico instrumento de diplomacia e representación, de cooperación intercultural, económica e política.

No centro desta amplísima funcionalidade atópase o deportista, tamén, e sobre todo, o de alto nivel, cuxa importancia no posicionamento deportivo dun país é incuestionable. É neste ámbito, cuxas esixencias e esforzos persoais supoñen dedicacións case exclusivas, onde as políticas deportivas deben responder ás necesidades propias de vidas que o fían todo ao desenvolvemento e aos éxitos deportivos propios, pero tamén ao de todos os que representan.

Galicia incorporouse formalmente a estas políticas -foi a cuarta comunidade autónoma en facelo- co decreto 6/2004, do 8 de xaneiro, regulador dos deportistas galegos de alto nivel, e do que hoxe se ultima unha substancial reforma. Avanzando nas medidas existentes, ampliamos e damos continuidade a unha protección durante e despois da carreira deportiva. Un concepto similar ao proposto desde a Unión Europea -entre unha ampla bibliografía, a EU Guidelines on Dual Carrers of Athletes da CE, 2012- e desde o ámbito estatal, onde, coa aprobación do programa Novas Metas nos Presupostos do 2018, viñemos a complementar o xa existente Programa de Atención ao Deportista de Alto Nivel.

En definitiva, abordamos en Galicia unha política que, máis aló das axudas económicas directas -unha media de 350.000 euros ao ano de investimento autonómico en bolsas-, facilite a conciliación da esixencia deportiva coa formación do deportista e a súa proxección no mundo laboral, o cal non só axudará no seu proceso de transición no remate da súa carreira, senón tamén durante esta, desde unha perspectiva formativa, psicolóxica e social. Hoxe hai 432 deportistas galegos de alto nivel. Facilitarlles atención e asesoramento continuado, durante e despois da súa carreira deportiva, será misión da Oficina de Atención ao Deportista, que verá a luz coa reforma. Andreas Schleicher, director de Educación da OCDE e responsable de PISA, insiste na súa recente obra Primeira Clase (2018) na importancia da aprendizaxe permanente, isto é, de aprender, desaprender e reaprender cando os contextos cambian, o que supón evolucionar e crecer constantemente, e adaptarse a un mundo cambiante. Esta aprendizaxe permanente é á que se enfrontan, dobremente, os deportistas de alto nivel, e a nosa responsabilidade é acompañalos e axudalos para que o deporte siga crecendo e, con el, a sociedade á que todos representan.