Pouca honestidade, ou ningunha

OPINIÓN

09 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar de honestidade intelectual en tempos de fake news pode semellar cousa desavida; pero cómpre facelo unha e outra vez se aínda nos queda un mínimo respecto pola verdade, pola dignidade e pola honradez. E xusto debemos teimar na idea aínda que nos refiramos á política e aos políticos. 

O sectarismo que hoxe domina a actividade política acostuma ter finalidade deformadora da realidade pola súa actitude premeditadamente mentireira. Cando certas opcións políticas pretenden unha división entre constitucionalistas e non constitucionalistas saben de sobra que nos están mentindo, pois, que se saiba, a única opción política hoxe existente neste país, contraria á Constitución en cuestións fundamentais, é a extrema dereita, coa que aquelas pactan en pe de igualdade. Meter no mesmo saco nacionalismo e independentismo, opcións constitucionais as dúas, é pan de cada día no discurso ignaro dalgúns medios e de certas opcións políticas. Por suposto, hai para os tales un nacionalismo bo, que nin sequera se cuestiona, e un nacionalismo que se refuga, porque se refire a realidades que non se queren ver. Alcúmase de populistas a opcións que inclúen nos seus programas a defensa dos dereitos sociais, da sanidade universal, da educación pública ou a procura de leis laborais xustas, e fan canto poden por coutar os avances sociais e a loita contra a desigualdade, entre moitos outros exemplos. Unha das últimas ocorrencias: o falseamento do acordo de Goberno de Navarra presentándoo como homenaxe a ETA pola abstención de Bildu, que o posibilitou, e como proba dun acordo co PSN que non existe. Pero calan os pactos, estes reais, coa extrema dereita en Andalucía, Madrid e Murcia. Para certos patriotas, falsear a realidade custa ben pouco.