Namorar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

31 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No artigo anterior veño de falar dos amigos. Do difícil que pode ser dar con eles e da importancia que ten o azar no asunto. Pois ben, vou seguir por esta liña, pero neste caso falando do amor. Porque ten que ser aínda máis difícil atopar unha persoa que axeite ao noso sentido da vida e que queira compartila con nós. Non só iso: é que ten que aparecer no momento propicio.

Pénseno. É moi, moi complicado. Visto así, os milagres son máis frecuentes do que poida parecer nun principio, pois hai moitos namoramentos correspondidos. A maxia, está claro, flúe.

Pero para iso hai que deixala facer. Namorar de alguén é un proceso fermoso. Ás veces cheo de dor e complicacións, pero que remata na felicidade.

Pois ben. Deixemos que se desenvolva de maneira natural. Cada vez afloran máis os programas de televisión nos que se emparella xente. Non me entendan mal, que o azar tamén pode xogar ao favor nestes casos. Seguro que hai parellas marabillosas que naceron neles. Pero... cada vez necesitamos máis? Teño a sensación de que nos cargamos a maxia do descoñecido, da busca, da intuición... os nervios, as bolboretas no estómago, a ilusión.

Corremos, corremos, corremos. Andamos pola vida ás alancadas, ás présas, veloces. Sen tempo para falar cos amigos, cos veciños, coa familia. Sen tempo para vernos, para apertarnos. Sen tempo de reflexionar, de dubidar, de sopesar e decidir.

Sen tempo, case, a namorar. E equivocarnos. E darlle outra oportunidade ao amor. Acabaremos por apagar calquera maxia.