Deixa o móbil, Uxío. Faille caso a teu pai. A única verdade está na pel. Na pel, a vida: entrañas, entusiasmos, emocións, corazón. A pantalla dos móbiles é a grande mentira do presente. Vagamos confundidos, «zombimente», pensando que vivimos coa urxencia de coñecer qué pasa cada minuto, contestar mensaxes, rendérmonos diante das actualidades, tendencias, redes (para cazarnos). Zombimente!, reivindico a autoría deste adverbio de modo e reclamo un tempo de seres vivos. Como eu vivín onte a tarde con Celso -o pai de Uxío-, meu amigo. Tantos anos sen verte e segues igual, colega. Eras o máis hippy de Verín cando os hippys eran futuro imperfecto. Lembro os teus cabelos ata os cadrís, rubios, como o tabaco de contrabando que fumabamos. Como Patti Smith, que sempre será rubia no noso recordo, aínda que puidera tinguir de negro ou louro o seu pelo de nereida, musa, estrela no ceo negro. Aí está, resistindo coma ti, meu amigo. Paseando co teu can, contemplando de pasada este Verín de Verín. No País Vasco segues sendo o que eras na rúa Viriato, un rebelde con causa, agora que os rebeldes son os señoritos que falan na ONU para defender o planeta. Ai, meu amigo, por veces non soporto este mundo tan correcto. Quedan as emocións, entusiasmos, entrañas, corazón. Bótote de menos e quería dicircho nesta contra auténtica. Como os da cuadrilla. Ata o Cesteiro xa cumpriu sesenta (e aparenta vinte). Bebe cervexa sen alcohol mentres o Mariló conta aventuras, rostro serio, grave: porque agora di que se volveu malo. Enfronte Diego celebraba o aniversario e da mesa saía luz. Ou sexa, a felicidade. Así seguimos, irmán: contándonos. E ti deixa o móbil, Uxío. A vida está no corazón: a pel da alma.