Miña terra galega

José González Vázquez TRIBUNA

OPINIÓN

VÍTOR MEJUTO

17 ago 2019 . Actualizado a las 10:51 h.

Siniestro Total é o nome dun grupo de música que xa forma parte do patrimonio galego. A situación da estrutura da propiedade no rural galego -minifundismo exacerbado e forte fragmentación da propiedade, terras de propietario descoñecido ou de herdanzas sen partir, inexactitudes do catastro de rústico...- tamén forma parte do noso patrimonio, e mesmo poderiamos consideralo un Siniestro Total.

Se hai algo que teño constatado nestes dez meses como conselleiro é que a nosa terra galega é excepcional para a produción agrogandeira e forestal de máxima calidade. Por iso, a recuperación e mobilización de terras agrarias é unha das grandes apostas de futuro da Xunta de Galicia en materia de desenvolvemento rural. Trátase de facilitar máis e mellor base territorial ás nosas explotacións, porque esa é unha das claves da súa rendibilidade. Non nos enganemos: crear actividade rendible é un paso fundamental para fixar poboación e loitar contra o abandono. É o paso fundamental.

Estou a dicir algo que non consideremos esencial? Non descubro nada con este artigo, pero si poño negro sobre branco a liña de traballo da Xunta de Galicia.

Non é un proceso doado recuperar a nosa terra galega, desde logo, pero paga a pena impulsalo, en beneficio da nosa produción agroforestal. A calidade -mesmo a excelencia- que procuramos para os nosos produtos ten moito que ver co éxito que colleitemos neste labor. Recuperación, calidade e prevención. Esta última referida á loita contra os incendios, porque unha terra posta en valor, un territorio rural produtivo e adecuadamente ordenado, é máis resiliente fronte ao lume.

Vimos traballando en diferentes iniciativas ao longo de toda Galicia. Entre elas cómpre salientar os proxectos, xa rematados ou moi avanzados, de Cualedro, Os Ancares, A Arnoia, Sober ou O Courel. Todos eles suporán, en conxunto, a mobilización de 400 hectáreas, cun investimento total que rolda o millón de euros.

Pero estes fitos son só unha pequena mostra do camiño a percorrer. Un camiño que tamén transitamos con propostas como a das «aldeas modelo», que se enmarca no convenio de colaboración asinado coa Fegamp e Seaga para a posta en marcha dun sistema de xestión da biomasa preto dos núcleos de poboación. Nas aldeas modelo propoñemos un cambio de paradigma: que as franxas de protección se manteñan limpas do xeito máis tradicional posible, é dicir, implantando actividade agrogandeira. Na contorna destas aldeas modelo, nestas franxas de protección contra os lumes, proxectamos espazos con cereais, horta, froiteiras, viñedo, castiñeiros, vacas, cabras, ovellas ou porco celta.

Así, os propietarios deixarán de pagar cada ano por rozar e pasarán a cobrar un arrendamento que está garantido pola intermediación do Banco de Terras. E desde aquí solicito a implicación de toda a cidadanía: se amamos a nosa terra galega temos que consumir, prescribir e defender estes produtos, que a unen á súa calidade cun compoñente medioambiental e, por se fose pouco, tamén de prevención de incendios forestais. Axudamos así á Galicia Calidade que identifica toda a nosa produción.

Nesta liña hai que destacar a recente declaración de Osmo, no municipio ourensán de Cenlle, como primeira aldea modelo de Galicia; xa contamos cunha decena de municipios interesados en sumarse a esta iniciativa.

Facemos, pois, traballo sobre o terreo e planificación estratéxica, todo cun apoio legal básico. Un apoio que vén dado pola futura Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia, que estamos elaborando xunto co Grupo Parlamentario Popular e que entrará na Cámara este mesmo ano. Será o instrumento normativo que contextualice a cuestión e que nos facilite corpo e ferramentas para actuar, con fundamento, rigor e responsabilidade nesta materia, co obxecto de frear o abandono de terras e, nun plano máis ambicioso aínda, para ordenar o territorio rural de Galicia, establecendo un mapa preciso de usos, aproveitamentos e infraestruturas.

Nesta liña van, por exemplo, instrumentos como os polígonos agroforestais: permitirán perimetrar e mobilizar importantes extensións de terreo cunha perspectiva integral, superando posibles atrancos derivados do minifundismo ou do descoñecemento da propiedade.

Faremos parcelas dun tamaño suficientemente grande para garantir a rendibilidade das explotacións nestes polígonos. Promoveremos instrumentos de xestión conxunta da propiedade, para o traballo agrupado e profesional en grandes extensións de terreo. E farémolo sempre respectando a propiedade privada, pero poñéndoa en valor para os seus propietarios.

Así, a futura lei, o territorio e a vontade dos galegos e as galegas son os tres eixes que nos permitirán mudar a faciana da nosa terra galega, de tal forma que falemos dun antes e dun despois no que atinxe á súa ordenación e ao fomento dunha actividade agrogandeira e forestal desde unha perspectiva coherente, sensata e a longo prazo. Ambiciosa, pero con sentidiño. Para gañar o futuro do noso rural.

Na nosa terra galega, onde o ceo é (case) sempre gris, a terra é sempre fértil e o futuro é sempre verde.