Sobre a solución á portuguesa

OPINIÓN

12 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non deixa de ser sorprendente qué razóns, ou máis ben ocorrencias, se dan contra a solución portuguesa -a gerigonça que tan boa prensa ten en Europa-: para uns ten sentido no país veciño porque alí só hai un nacionalismo; para outros, porque os partidos teñen aquí e acolá moi diferentes características; para outros, porque a solución non é imitable.

O abraio vénsenos enriba se un pensa que moitos que deberan ter superior criterio para xulgar a realidade caen nos mesmos tópicos do común, incapaces de dar unha razón ou unha idea de proveito que axude a comprender mellor a situación. E nin sequera se lles ocorre pensar no que é ben obvio e coñecido: que hoxe, en Europa, hai máis de vinte gobernos de coalición. Tan diferentes somos, ou tan incapaces?

Só os desmemoriados poden soster que os diversos nacionalismos son impedimento para chegar a un pacto de investidura e de goberno: Felipe González, Aznar e Zapatero gobernaron coa axuda dos chamados nacionalismos periféricos. E ninguén pode descoñecer que foron tres gobernos con estabilidade.

Que os partidos son distintos aquí e acolá é manifesto, como o é igualmente que tan distintos ou máis son os que neses máis de vinte países europeos chegan cada día e de maneira natural, o que non quere dicir que non sen traballo, a pactos e acordos de goberno. E ninguén pensa na inestabilidade que aquí algúns temen.

A única gran diferenza co país veciño, da que non se fala, está na altura dos seus políticos, ben na política doméstica, ben na internacional: Rebelo de Sousa, Guterres, Centeno ou António Costa son xente cultísima, con moito prestixio en toda Europa e na ONU, e non lles regalaron másteres nin lles caeron licenciaturas do ceo. Esa si que é unha grande diferenza. Que se cala.