Céntimo verde, CO2 e a central de As Pontes

Secretarios de Enerxía dos sindicatos galegos TRIBUNA

OPINIÓN

JOSE PARDO

12 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En outubro do ano pasado, a ministra de Transición Ecolóxica (agora en funcións) decidiu retirarlle o denominado céntimo verde (imposto de hidrocarburos á produción eléctrica) á xeración con gas e mantívollo só ao carbón. Foi unha decisión política de clara inxerencia a favor dunha determinada tecnoloxía. Pero o máis sorprendente é que o seu efecto, en termos prácticos, só repercutirá negativamente nas centrais de carbón que se adaptaron (ou están en proceso) á Directiva de Emisións Industriais.

Das 15 centrais de carbón no Estado, dez delas xa teñen anunciado o seu peche e, de feito, non producen, como é no caso de Meirama; as outras cinco, entre elas As Pontes, fixeron os investimentos precisos para cumprir a lexislación medioambiental. Coa medida aprobada polo Goberno central, a mensaxe do Ministerio de Transición Ecolóxica é clara, non hai futuro inmediato para estas centrais, namentres en Alemaña van seguir funcionando até o 2038.

Dende principios deste ano estase disparando o prezo do CO2, un mercado especulativo no que, ademais das empresas afectadas, tamén participan entidades financeiras. En só dous anos pasouse de 6 euros/tonelada a 29 euros, un incremento de case o 500 %. Na propia directiva, que rexe este comercio de emisións, hai mecanismos de estabilidade do mercado que deberan actuar cando se detectan estas subas tan bruscas, e isto tamén é responsabilidade política; o Ministerio de Transición Ecolóxica debera instar ao comisario de Acción polo Clima e Enerxía da UE para que activase estes mecanismos, a non ser que tampouco lle preocupe á ministra o prezo do CO2. Lembrar que en Galicia hai unhas 50 empresas obrigadas a participar no mercado de emisións.

Por último, por responsabilidade social e por xustiza, a propia Endesa, que leva ducias de anos obtendo inxentes beneficios en As Pontes, tamén debera ser parte da solución, debe dar tempo, finito e pactado, sen provocar tensión social; de non facerse isto, teremos que actuar a nivel sindical. Estamos cun Goberno central en funcións e na propia UE hai cambios previstos na Comisión antes de finais de ano, non é o mellor escenario, por isto mesmo tamén é preciso, no ámbito galego e de As Pontes, a colaboración sen exclusións de institucións e organizacións sociais e políticas, e mesmo de persoas con coñecementos e experiencia en procesos complexos como este. Para construír o futuro temos que defender o presente.

?Asinan: Fernando Branco Parga (CIG), Nicasio Pena Casal (UGT) e José Hurtado Amador (CC.OO.)