Un escritor nos xornais

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

04 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Por razóns que non son do caso, estou relendo a Camba, Julio Camba, o escritor de Vilanova da Arousa (1884) que morreu en Madrid en 1962, e a quen a xente da época, os seus lectores, chamaban con admiración don Julio, seguramente un dos personaxes máis brillantes e difíciles de clasificar do seu tempo, unha das grandes figuras do xornalismo español dende que o xornalismo existe. En certa medida, tamén un dos grandes esquecidos, porque a historia e os seres humanos somos así de inconsecuentes: hoxe, na gloria e mañá, na ignorancia absoluta. Quen le hoxe a Camba? Pouca xente, abofé, e outros moitos irán (iremos) polo mesmo camiño. Sic transit gloria mundi… Unha boa recomendación para o verán: volver aos libros de Julio Camba, aos seus artigos sobre todo, porque Camba é fundamentalmente un escritor de artigos e crónicas nos xornais. 

Digo que estou a reler a Camba e, en certa maneira, estouno a descubrir, cunha nova ollada. A grandeza dun escritor, dun artista en xeral, mídese pola súa capacidade para manter o discurso vivo ao longo do tempo. Se por riba falamos dun escritor que desenvolveu practicamente toda a súa produción nas páxinas dos periódicos, co que ten o oficio de efímero e mudable, pólvora que arde no día e se esquece ao día seguinte, o mérito é aínda maior. Ler a Julio Camba dende a sociedade de hoxe, coa actualidade do lector como referencia, setenta ou oitenta anos despois dos textos publicados, resulta especialmente interesante, non sei se estimulante, en calquera caso aleccionador.

Comentando o tempo da Segunda República, o entusiasmo que espertou na xente a chegada do novo réxime, a esperanza dun tempo novo que viña mudar as cousas, os vellos hábitos do caciquismo e a corrupción, a manipulación ao servizo dos poderosos de sempre, Camba advirte de dous perigos: o perigo da decepción, desencanto que revira todos os entusiasmos e os transforma en reacción, e o perigo de votar contra as ideas, non a favor. Este segundo aspecto paréceme especialmente relevante. Cando exercemos o voto nas urnas, votamos contra algo ou votamos a prol de algo? Votamos ideas, programas, proxectos que se nos presentan e sobre os que temos oportunidade de reflexionar e comprometernos? Ou votamos contra os outros, simplemente para que os outros non ocupen o lugar? Os homes e as mulleres que se dedican á política deberían pensar nesta cuestión. E a cidadanía tamén, por suposto. Atención a este parágrafo, que transcribo en castelán, a lingua do escritor: «… Al votar a la República, el pueblo no lo hizo por entusiasmo republicano. Aquel voto, más que un voto en pro fue un voto en contra; un voto no sólo contra el Rey, como es opinión corriente, sino contra todo un sistema que les tenía hartos y equivalía, en política, al pollo de los hoteles en gastronomía o al tango argentino en música» (1934).