Non é a primeira vez que me asomo, nas páxinas de La Voz de Galicia, á personalidade de Albino Núñez Domínguez (A Mezquita, A Merca, 1901?Ourense, 1974), don Albino para moitos ourensáns de hoxe que, na posguerra, se beneficiaron das clases daquel mestre represaliado. Todos eles admiran ao pedagogo, e non poucos, os máis eruditos, valoran tamén a súa poesía, as súas páxinas de tema xeográfico, a súa defensa da fala e os seus artigos sobre escritores galegos dos que era devoto (P. Feijoo, Rosalía, Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Celso E. Ferreiro…). Como tradutor, traduciu con decoro poemas de Antonio Machado, entre eles o celebérrimo Retrato. Don Albino, cando traducía os versos de don Antonio, facíao sempre por razóns estéticas e por razóns éticas.
Hai uns días, este bibliófilo que lles fala foi agasallado cun libro inédito, manuscrito, de don Albino: Almanaque popular das Letras Galegas. Trátase, en efecto, dun almanaque literario que consta de 365 páxinas (desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro). Ningunha data, trátese do nacemento ou da morte dun escritor, trátese dun acontecemento intelectual ou do día en que foi publicado un texto literario, ocupa máis dunha páxina na letra coidada e pequena do cronista. Esa é a razón pola que certos escritores aparecen en varias datas; Curros Enríquez, o máis privilexiado: data de nacemento (15 de setembro de 1851), data da morte (7 de marzo de 1908), redacción da Cántiga (5 de xuño de 1869), éxodo a Cuba (20 de febreiro de 1894), publicación do artigo El símbolo, que reproduce en parte (15 de abril de 1895), etcétera. A súa devoción por Curros Enríquez -polo poeta e polo cidadán- tamén está presente no lema con que se abre este almanaque: unha tríade do Divino Sainete («Todos ises i-outros tantos, / que non canoniza a Igrexa, / sonche os verdadeiros santos»).
Hai capítulos que ofrecen precisións e información ausentes na historiografía literaria da época, froito das respostas a unha enquisa que don Albino enviou a determinados escritores, enquisa na que tamén se solicitaba deses autores unha autoestética. Foi o meu caso, por exemplo, capítulo, por certo, no que estampou, por lapsus, un erro cronolóxico maiúsculo: naceume en Vigo no ano 1828 (antes, pois, que Rosalía e Curros).
Son capítulos especialmente valiosos os dedicados a estas datas: 15 de febreiro (nacemento de Marcial Suárez), 21 de febreiro (certame poético ourensán de 1877), 2 de marzo (Banquete de Conxo de 1856), 27 de marzo (primeira coroación do poeta Curros Enríquez, en 1893), 15 de maio (homenaxe en Ourense a Celso E. Ferreiro, en 1966), 25 de xullo (aparición, en México, do primeiro número de Vieiros, en 1959), 19 de decembro (inauguración, en Lugo, da mostra bibliográfica Cen anos de literatura galega, en 1963)…
Cómpre subliñar que o Almanaque de don Albino contén non poucas lagoas: das 365 páxinas (algunhas dedicadas a máis dun autor ou dun feito literario) só redactou 131, o que, por outra parte, non é pouco. Eu débolle a fotocopia destas 131 páxinas manuscritas ao seu fillo Carlos, que garda case con unción parte do patrimonio literario daquel extraordinario pedagogo e autor, tamén, de páxinas moi valiosas noutros eidos das letras galegas. O inédito do que hoxe damos noticia enriquece notablemente a figura intelectual deste nobre e erudito humanista ourensán.