A catedral de Santiago: unha visión integral

Daniel Lorenzo TRIBUNA

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

A atención posta nos anos santos de 2021 e 2027 dá a oportunidade de rescatar do esquecemento algunhas efemérides relacionadas coa catedral de Santiago. Así, en 2020 e en 2026 cumprirase o centenario de dous feitos relevantes acaecidos na segunda década do século pasado: o primeiro, a visita en 1920 a Santiago de Compostela do prestixioso historiador da arte americano e profesor da Universidade de Harvard Arthur Kingsley Porter, e a súa muller, Lucy Wallace; o segundo, a publicación en 1926 da tese doutoral de Kenneth J. Conant, elaborada e presentada en 1925 baixo a dirección de Porter: The Early Architectural History of the Cathedral of Santiago de Compostela.

Os Porter percorreron en automóbil varios tramos dos camiños a Santiago en Francia e España para estudar e fotografar os monumentos medievais, ata entón en boa parte inéditos ou descoñecidos no ámbito internacional. A través dunha investigación contrastada a pé de monumento e a elaboración de campañas fotográficas sistemáticas de longo percorrido Porter e a súa muller contribuíron decisivamente a revalorizar non só o feito artístico da catedral románica de Santiago, senón tamén a importancia da peregrinación a Compostela como un dos motores da arte dos séculos XI e XII en Europa. Grazas ao seu traballo, a rica e variada escultura da catedral de Santiago entrou no canon internacional da arte medieval, pasando de periferia a centro artístico de primeira orde.

Neste mesmo contexto de redescubrimento americano da catedral de Santiago, Conant estudou por primeira vez de maneira metódica e cun rigor científico sen precedentes a extraordinaria, e en moitos lugares oculta, fábrica románica do edificio, o que permitiu que o noso monumento tamén pasase a formar parte do canon da arquitectura medieval. Así, tanto Conant como o seu mestre Porter convertéronse nos piares do coñecemento universal da catedral compostelá e no centro dun debate científico que dura ata o presente.

Desde os anos vinte do século pasado ata hoxe producíronse fitos que permitiron ampliar o coñecemento da complexa realidade artística e construtiva do templo de Santiago, en moitas ocasións ligados a intervencións de carácter arqueolóxico ou restaurador, xa que o acceso a espazos reservados e ocultos, propio desas actuacións, posibilita que a materialidade do templo, a súa pedra e os estratos da acción humana sobre ela nos falen directamente e revelen os seus secretos, achegando nova luz e coñecemento.

Por exemplo, a raíz dunhas obras de restauración no patio da Corticela descubríronse en 1934 uns restos construtivos que, anos máis tarde, foron lidos e interpretados como a pegada da frustrada cabeceira gótica, o exemplo más destacado da «arquitectura que non foi» na catedral.

Igualmente, no redescubrimento contemporáneo do templo de Santiago destaca, pola súa transcendencia, o Proxecto Catedral, promovido pola Fundación Barrié e a Fundación Catedral, que recuperou a policromía do pórtico da Gloria. Ese labor de restauración permitiunos coñecer mellor a estética orixinal do portal e o seu perfecto encadramento nas preocupacións da arte do 1200 europeo.

Pois ben, ao fío das masivas actuacións que se están levando a cabo na fábrica do templo, en execución do seu Plan Director de Restauración e Conservación, a catedral está a acometer un proxecto científico e cultural que ten por obxecto compendiar, sistematizar e enriquecer o coñecemento acumulado sobre a catedral como feito histórico, cultural, espiritual e construtivo, e divulgar ao público non especializado a fascinante historia que resulta de todo iso. Ese proxecto, que conta co apoio financeiro da Xunta de Galicia, englóbase baixo o título de A Catedral de Santiago, unha visión integral, e está a ser desenvolto por historiadores, historiadores da arte, restauradores, arqueólogos e arquitectos, colaborando todos con todos a través dunha proposta interdisciplinaria.

O proxecto culminará no ano 2020 cun conxunto de publicacións que permitirán comprender a igrexa de Santiago non só como un marabilloso edificio e un templo aberto para acoller as ansias espirituais das persoas, senón como unha fermosísima fábula, feita de arte e historia, debedora das descubertas achegadas polo estudo moderno da catedral que os Porter e Conant inauguraron hai un século.