Sen capacidade de asombro

OPINIÓN

29 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sebastián Haffner, ao expor feitos e ambiente dos días en que Hitler sobe ao poder, escribe que «a capacidade de asombro era algo que tiñamos perdido había xa tempo», pois a política alemá daqueles tempos non era outra cousa que un «ataque de aparvamento masivo».

Non estamos propoñendo que ese criterio sexa aplicable, por agora, á política que hoxe se vén facendo neste país, pero si que pode que esteamos sentando os alicerces para que nun día quizais non moi afastado teñamos enteiramente perdida a nosa capacidade de asombro e teñamos chegado tamén a un ataque de aparvamento masivo. Porque os pactos de todo signo que se veñen facendo coa extrema dereita, esquecendo os avisos que veñen dunha e doutra banda, están facendo que pareza normal unha grave anormalidade.

Pois grave anormalidade é que unha opción, aínda minúscula, estea hoxe sinalando, e impoñendo, a outras opcións non minoritarias parte do seu programa en cuestións contrarias á democracia, á Constitución ou aos dereitos humanos, e que se acepten e poñan en práctica.

Os casos de Andalucía e Murcia, entre outros, deberan producir desacougo a todo demócrata, pois o único suposto no que non se consinte ningún pacto é xustamente cos que non só non cren na democracia, senón que inclúen nos seus programas a destrución da mesma, por máis que vivan ao seu achego. Ou somos demócratas ou non o somos. Ou estamos en Europa ou non estamos.

Unha política moi torpe, con ignorancia que abraia da aínda recente historia europea e do que Europa significa, está axudando, con pactos espurios e abertamente contrarios á CE, a que pouco a pouco o país vaia perdendo a capacidade de asombro. De aí ao aparvamento masivo só hai un paso. Xa hai que estar cegos para non velo.