Selecciona a selectividade?

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

24 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Por unha banda, os docentes da universidade quéixanse da falta de base dos alumnos que ingresan nela e por outra nada menos que un 94 % dos que se presentan á selectividade supérana. A razón desta contradición non está en que o nivel da institución de ensino superior sexa alto, senón en que os estudantes que acceden non posúen as competencias necesarias. Hai trinta anos a porcentaxe dos que aprobaban era dun 70%, pero a suba de 24 puntos ata hoxe non significa que estes mellorasen a súa preparación, senón que a universidade ven baixando o nivel de esixencia, de xeito moi preocupante, para adaptarse ao dos alumnos e non á inversa. A elo contribuíu tamén a implantación do Plan Boloña, que cada día recibe máis críticas, en concreto sobre esta perda de categoría académica da universidade.

Séguese a confundir igualdade de oportunidades con igualdade de acceso. Por suposto que hai que fomentar a primeira, reducindo ao máximo a correlación entre orixe socio cultural e admisión aos estudos, equidade educativa na que por certo Galicia atópase nos primeiros lugares, tanto estatais como europeos. Pero o que non debería permitirse é que accedan á universidade alumnos sen a preparación necesaria, sexa cal sexa a súa procedencia. A corrección das deficiencias non corresponde a esta etapa do sistema educativo, senón ás anteriores, nas cales, en moitos casos, está a resultar demasiado doada a promoción.

A selectividade é útil para elixir aqueles estudantes que queren acceder a graos con notas de corte altas, porque os criterios de cualificación teñen que axustarse ao máximo para promover aos mellores. Pero o aprobado raspado resulta fácil de conseguir, segundo os propios alumnos e profesores, causa esencial de que España teña unha porcentaxe de titulados universitarios superior á media da UE, con resultados moi negativos á hora de ingresar no mercado laboral. Na súa busca de emprego estes atópanse sobretitulados e consiguen emprego moi por debaixo da cualificación que posúen, tendo en conta a saturación de moitos dos ámbitos laborais para os que están formados. Nada menos que a terceira parte dos universitarios galegos teñen un emprego de inferior categoría á súa titulación.

Esta frustración continuará mentres se siga preferindo un fillo universitario, aínda que en condicións laborais moi precarias, a un titulado en formación profesional cunha boa inserción laboral e incluso mellores estipulacións económicas. É curioso, pero está a haber cada vez máis graduados superiores que optan por facer un ciclo de FP para inserirse no mercado laboral, cando o máis proveitoso sería á inversa, como ocorre nos principais países. Primeiro elixir uns estudos que satisfagan pero que teñan tamén unha boa saída laboral e despois continuar formándose, mesmo a nivel universitario, para unha mellora profesional ou persoal.