Outro Centro Dramático Galego

Exdirectores do CDG TRIBUNA

OPINIÓN

Imaxe de arquivo dunha obra do CDG
Imaxe de arquivo dunha obra do CDG SANDRA ALONSO

12 jul 2019 . Actualizado a las 10:00 h.

Señor Presidente da Xunta:

Escribímoslle esta carta na nosa condición de persoas que nalgún momento dirixiron o Centro Dramático Galego (CDG), unha institución teatral creada en 1984, vinculada á posta en marcha da autonomía de Galicia e ao desenvolvemento da cultura galega.

Desde os seus inicios, o CDG propúxose converterse en referencia da actividade teatral e escénica en Galicia, tanto dentro como fóra dos límites da comunidade autónoma, e, asemade, actuar como axente dinamizador dunha nova relación entre o teatro e a sociedade galega, que é, a fin de contas, a súa primeira e última razón de ser. 

Durante as súas case catro décadas de existencia o CDG pasou por situacións moi diversas, pero as persoas encargadas da súa dirección sempre tiveron presente a importancia decisiva de que o Centro puidese traballar coa suficiente autonomía, tanto no referente á xestión como ás súas decisións artísticas. Esa autonomía pasa hoxe polo seu peor momento. Circunstancia á que non é allea o feito de que a última década se resuma en dous cesamentos e dúas dimisións das persoas responsables da súa dirección. A aplicación mecánica ao CDG das novas lexislacións sobre función pública e contratos de estado, unida a uns orzamentos precisados de urxente incremento, está a ter consecuencias moi negativas para o funcionamento do CDG, para a súa proxección social e mesmo para a atracción de talento, que debería figurar entre os principais obxectivos dunha institución deste tipo.

Cremos que non é necesario lembrar que cando falamos de autonomía artística e de xestión non estamos a falar de privilexios, nin de exención das obrigas legais ás que están necesariamente suxeitos o conxunto da cidadanía e das institucións. Os que asinamos esta carta estamos decididamente a favor do rigor lexislativo, pero, tal e como acontece no resto dos teatros públicos de Europa, este rigor non pode poñer en causa a súa natureza artística. Na nosa condición de persoas vinculadas ao quefacer teatral,  sabemos que é preciso procurar un equilibrio entre a xestión administrativa e as decisións artísticas, sempre para favorecer a excelencia artística que unha institución coma a nosa está obrigada a procurar. Por poñer un caso, a elección dun elenco actoral por parte dun director de escena é unha decisión en primeiro lugar artística, e só secundariamente administrativa.

O que consideramos necesario é que os actuais reitores das políticas culturais e das políticas escénicas na Xunta de Galicia se abran á posibilidade de dialogar co sector teatral galego e estudar conxuntamente o aproveitamento das figuras xurídicas, contempladas nas propias leis, que fan posible que unha ampla gama de institucións culturais e comunicacionais (desde museos, centros artísticos e teatros ata televisións públicas) poidan desenvolver o seu moi específico traballo coa necesaria eficiencia e coa desexable excelencia.

Noutras comunidades autónomas, e mesmo en organismos escénicos (INAEM) dependentes da Administración Xeral do Estado, xa foron implementadas esas figuras xurídicas ás que faciamos referencia (fundacións, sociedades anónimas), ou están sendo estudadas e debatidas de cara a salvagardar a devandita autonomía artística e de xestión, criterio imprescindible para o funcionamento racional e eficiente das institucións culturais.

Asinan: Eduardo Alonso, Cristina Domínguez Dapena, Manuel Guede Oliva e Damián Villalaín.