Está desacreditada a rutina. Desafortunadamente, digo eu. Porque a rutina resulta beneficiosa para o ser e para o humano. Por exemplo, ler a diario un poema con final feliz ou sen final. Escoitar música porque a música, afirmo, é unha terapia contra a infelicidade. Camiñar. Está desacreditada a rutina. Esta alza da sorpresa, alentada no presente, non resulta grata para os que imos facendo anos e precisamos hábitos. Por exemplo, abandonar a ruta dos fracasos para pasear outras estancias: «donde habite el olvido», dicía Cernuda. Coñezo xente que leva media vida esperando o inesperado. E outros que xa non esperan nada. Estes fixeron da rutina un modo de existir. Saben que o corazón vai morrendo e por máis que o intentemos non o podemos resucitar. Non todos os días. Hai outros, coma este xoves, nos que se levantan da cama dándolle unha patada á tristeza. Procuran no fondo do café os ollos aqueles, abertos de par en par: tanta luz daban a tantas noites. Saen á rúa e gritan que lindo é vivir. Dan os bos días a todo o mundo, non se queixan de nada, non escoitan os informativos que só informan de malas noticias. Viven. A vida é tamén unha rutina. Respiramos sen saber que respiramos. Queremos, mesmo, sen saber que non podemos avanzar un metro sen querer. Todo o xustifica o amor, aseguran os poetas que tantas andrómenas regalan. De nós só quedarán os bicos (esa memoria). O resto é prosa mala. Un perdón que ninguén escoita. Unha promesa. Prefiro a rutina. Abrir de par en par un libro, río arriba, pisando os pasos tantas veces pisados. Recrearme na nada. A nada é tamén unha rutina. Este xoves non transites coa tristeza colgada de ti. Non fagas da melancolía unha rutina.