30 jun 2019 . Actualizado a las 10:46 h.

Pareceume unha iniciativa intelixente a elección de cinco mulleres para as Medallas Castelao nesta edición do ano 2019. Alguén dirá que había outras, se cadra con mellores ou máis aquelados méritos. Todo é opinable. En calquera caso, as cinco son representativas de sectores e mesmo de xeracións diversas. Outros falarán de oportunismo, polo aquel de que a causa da muller está de moda. Mal asunto se falamos de modas. Díxeno moitas veces nestas mareas: o que chamamos «a causa da muller» (a igualdade de dereitos dos seres humanos, alén da condición de xénero) é un dos fenómenos sociais máis importantes, determinantes e mesmo revolucionarios dos últimos tempos, por non falar de séculos; movemento de profundo calado que non ten marcha atrás, pero que precisa de compromisos decididos por parte do conxunto da sociedade, tamén dos varóns, diría que moi especialmente dos varóns. Visibilizar simbolicamente esta situación (esta causa) é xusto, útil e necesario, tal como dicía o vello catecismo, o que non quere dicir que sexa suficiente.

Case ao mesmo tempo, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) distinguía a poeta Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) co título de Escritora na súa terra, galardón que a devandita asociación concede anualmente e que honra talento, compromiso e biografía. E nos pagos de Amoeiro, na casa grande de Ramón Otero Pedrayo, a fundación que leva este nome entregou tamén onte a súa distinción máis sobranceira (o Premio Trasalba) á poeta Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922).

Permítame o lector que titule con ela esta marea. Luz para Luz. A palabra luminosa. Hai pouco tiven a honra de lle poñer pórtico ao seu último libro, Pazo de Tor (Alvarellos Editora), e alí falei do misterio. Poucos poetas vivos administran tan sabiamente o misterio. Misterio do ser e misterio da palabra. Misterio da existencia e da (posible) transcendencia. Misterio que explica o mundo e intenta explicarnos a nós. A voz profunda de Rosalía latexa neses versos (a Rosalía de Follas novas fundamentalmente). Se cadra tamén a de Luís Pimentel.

A poesía é o xénero máis esixente da literatura, o máis difícil, o máis sublime. Tamén onde máis imposturas se dan. A poesía é a esencia mesma da palabra, que se adelgaza ata adquirir a significación máis intensa. Descalza paso sobre as formas / de soñadas promesas, / paso a paso camiño nos días que se afastan / da estancia dos avós que me antecede… Na casa grande de Cimadevila, en Trasalba, recibimos a luz de Luz, agasallámola a ela e agasallámonos a nós. En realidade, a casa de Trasalba vén a ser a casa dos avós, tal e como a poeta os evoca (e convoca). Na música da palabra, coa luz da tardiña a devalar nas estancias, sentindo renxer o chan de madeira, acariñando o recanto dos mobles, buscando no fondo dos espellos, sabemos que están aquí. Falándonos.